Menor reafirma o compromiso da Deputación coa Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA), motor de “dinamismo” na comarca
No marco da xornada de traballo en Valdeorras, Menor mantivo un encontro coa nova directiva desta entidade que representa ao sector comercial, reafirmando o compromiso colaborador da Deputación coas súas iniciativas
O presidente provincial, Luis Menor, reuniuse co presidente da Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA), Carlos Manuel Terán Búa, que asumiu o cargo o pasado mes de xuño tras os oito anos de mandato de Araceli Fernández e coa xerente da entidade, Teresa García. No marco da xornada de traballo en Valdeorras, Menor mantivo un encontro coa nova directiva desta entidade que representa ao sector comercial, reafirmando o compromiso colaborador da Deputación coas súas iniciativas.
Menor puxo en valor o papel destacado desta asociación no tecido económico valdeorrés e o “dinamismo e a representación” da propia comarca e deulle os parabéns a Terán Búa polo seu traballo á fronte do cargo. O presidente provincial engadiu que dende a Deputación “promoveremos que máis administracións colaboren para seguir creando emprego e riqueza e aproveitando as potencialidades de Valdeorras”.
Na reunión analizouse toda a actividade que a AEVA leva a cabo na defensa dos intereses dos empresarios da comarca, quedando de manifesto a ampla implantación que ten en Valdeorras, con máis de 200 asociados pertencentes a unha ducia de sectores diferentes, abarcando practicamente todos os ámbitos da actividade empresarial, como son a lousa, o comercio e a hostalería, entre outros.