Nace o Observatorio Internacional do Medio Rural

Compartir

 

  • O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, acordaron hoxe poñer en marcha esta iniciativa, que permitirá visibilizar desde Ourense o gran potencial do rural no ámbito nacional e internacional.

  • Esta é unha das propostas de Manuel Baltar que integra o plan de mandato "Ourense 7273", iniciativa en plena sintonía co reitor e cos vicerreitores que o acompañaron hoxe na súa reunión de traballo co presidente Baltar, no Pazo Provincial.

  • Neste ano 2019 será realidade xa un gran congreso internacional en Ourense, contando cos mellores especialistas mundiais no ámbito rural, quen analizarán as perspectivas de futuro do medio rural, unha área moi vinculada á do reto demográfico, que Manuel Baltar reivindica desde a Deputación de Ourense, Partenalia e outros foros.

  • "Trátase dunha magnífica noticia porque non existe unha iniciativa semellante en toda Europa, e iso significa que a provincia de Ourense será pioneira na investigación, análise e posta en marcha de iniciativas de vangarda a prol do medio rural", afirma Manuel Baltar, salientando que a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo "inician este proxecto, que será realidade neste ano 2019 y que terá a súa consolidación no próximo mandato".

Ourense, 2 de marzo de 2019.- Ourense será referente internacional en materia de medio rural, coa creación do Observatorio Internacional do Medio Rural. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, acordaron hoxe, na reunión de traballo celebrada no Pazo Provincial, poñer en marcha esta iniciativa, que permitirá visibilizar desde Ourense o gran potencial do rural no ámbito nacional e internacional.

Esta é unha das propostas de Manuel Baltar que integra o plan de mandato "Ourense 7273", iniciativa en plena sintonía co reitor e cos vicerreitores que o acompañaron na súa reunión de traballo. Ao longo deste ano 2019 será realidade xa un gran congreso internacional en Ourense, contando cos mellores especialistas mundiais no ámbito rural, quen analizarán as perspectivas de futuro do medio rural, unha área moi vinculada á do reto demográfico, que Manuel Baltar reivindica desde a Deputación de Ourense e tamén desde Partenalia, como presidente desta rede europea de gobernos provinciais, así como noutros foros nacionais e internacionais.

"Trátase dunha magnífica noticia porque non existe unha iniciativa semellante en toda Europa –afirma Baltar-, e iso significa que a provincia de Ourense será pioneira na investigación, análise e posta en marcha de iniciativas de vangarda a prol do medio rural". Neste sentido, salienta que a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo "inician este proxecto, que será realidade neste ano 2019 y que terá a súa consolidación no próximo mandato".

"Cando se fale de Ourense, falarase de innovación no medio rural", destaca o presidente do goberno provincial, engadindo que a nosa provincia "ten as mellores condicións para erixirse en protagonista neste ámbito, non só pola puxanza do noso sector agroalimentario e con realidades como Coren que lidera o seu sector no ámbito nacional e internacional, senón tamén por exemplos como o de Tecnópole, que conta co CIS Madeira -xa que o sector forestal ten moito que dicir no futuro de Ourense-, o Centro Tecnolóxico da Carne, ou o Laboratorio de Metroloxía".

Baltar destaca que a Deputación de Ourense "coñece a existencia desa masa crítica importante de empresas, institucións e investigadores directamente vinculados ao medio rural, e orientaremos os nosos esforzos para seguir potenciando iniciativas nesta liña", e dixo que o convenio que asinarán ao respecto a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo "contemplará un órgano deliberativo e participativo máis amplo, ao que se poderán adherir entidades e empresas e foros de ámbito nacional e internacional que queira aportar solucións para o futuro do mundo rural".

Hai semanas na reunión relativa á Cátedra polo Reto Demográfico, marco no que se constituíu a Asociación de Xornalistas do Rural de España, os periodistas amosaron a súa dispoñibilidade a participar no órgano deliberativo do Observatorio Internacional do Rural, "e contaremos tamén co profesionais que operan directamente no medio rural, como fixemos público cando visitei o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas en Ourense, e por suposto, entidades, empresas como Coren e outras do sector, e tamén universidades, profesores, científicos e investigadores, que terán moito que achegar neste ámbito, o que permitirá facer máis grande este Observatorio que será, sen dúbida, unha das grandes novas dos próximos anos porque situará a Ourense como capital do medio rural no ámbito internacional".

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo amosou a súa satisfacción pola posta en marcha do Observatorio, destacando "a plena coincidencia co presidente Baltar nos obxectivos de país e de ámbito internacional". Reigosa anunciou que unha das primeiras accións que realizará será a celebración en outubro, no mosteiro de Oseira, dun congreso internacional do medio rural, "no que contaremos cos máis destacados especialistas neste sector". "Hai que poñer en valor o rural e coincidimos plenamente neste obxectivo coa Deputación de Ourense, e hai que conseguir que ese reto demográfico ao que nos enfrontamos teña solucións o antes posible".

Convenio de actividades culturais

Na reunión de hoxe Manuel Baltar e Manuel Reigosa asinaron tamón o convenio anual de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no campus de Ourense. O obxecto deste convenio én regular a colaboración entre a Universidade de Vigo no campus de Ourense e a Deputación de Ourense para a promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte, a desenvolver no campus de Ourense ou no ámbito territorial da provincia de Ourense, e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia.

A Universidade de Vigo ven de promover, dende a Vicerreitoría do Campus de Ourense, ao longo do ano 2019, dentro da súa programación de actividades de extensión universitaria, cursos de verán, conferencias, seminarios, aulas e obradoiros, exposicións, roteiros culturais, actividades teatrais, programas para a igualdade e inclusión, etc.

Así mesmo, ven de desenvolver un programa de apoio a mobilidade estudantil, a través do que se conceden axudas complementarias para o alumnado do campus de Ourense integrados no programa ERASMUS, así como un programa especifico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense.

A Deputación Provincial de Ourense achegará á Universidade de Vigo para actividades a desenvolver na provincia de Ourense a cantidade máxima de 220.000 euros para sufragar os gastos actividades como o Programa de proxección universitaria e actividades culturais (Alterarte, Aulas e Obradoiros, Aulas de formación teatral, Roteiros culturais, Coro, Cursos de Verán, promover a investigación sobre o Entroido, coordinar o traballo previo á redacción dos contidos dunha guía monumental da provincia de Ourense, Curso Audiovisual da Fundación Carlos Casares, Concerto de Nadal, Portugués Perto, e Curso de formación "Didáctica da ficción e creación literaria" e actividades que fomenten a igualdade e inclusión de todas as persoas.

Asemade, o convenio abrangue o Programa de Apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do campus, e o Programa específico de Apoio a grupos de investigación do campus de Ourense (INOU 2019).