O 31º OUFF pecha cun rotundo éxito de calidade, un apoio unánime do público e un impacto mediático que supera os 7,4 millóns

Compartir

O festival reuniu a 16.375 asistentes nas súas diferentes actividades e proxeccións, consolidando o seu crecemento e acadando un récord histórico de 800 persoas nun só día nas salas de cine e no Teatro Principal.   

A valoración da Sección Oficial Internacional foi sobresaliente, cun 4,7 sobre 5 (9,37 sobre 10) para o Premio do Público, un incremento do 22% de espectadores na sección e cheos absolutos nalgúns pases de Panorama Galicia. 

A 32ª edición do Ourense Film Festival xa ten datas confirmadas: celebrarase do venres 24 de setembro ao domingo 3 de outubro de 2027.

 

Ourense, 15 de outubro.

A organización do OUFF · Ourense Film Festival fixo este mércores o balance final da súa 31ª edición nunha rolda de prensa que contou coa presenza de Marcos Vázquez, director técnico do OUFF e director da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Ourense; Óscar Doviso, director artístico do OUFF; e Alberto González Araújo, programador do festival. O certame despídese superando a barreira dos 16.000 asistentes (cun total de 16.375 participantes), consolidando as cifras récord da pasada edición e confirmando un salto cualitativo sen precedentes na valoración da programación e no impacto exterior da marca Ourense. 

O OUFF, motor cultural na provincia e durante todo o ano

O encargado de abrir a quenda de intervencións foi Marcos Vázquez, quen quixo destacar a vocación de servizo público e o compromiso cultural da Deputación de Ourense lembrando que «arrancabamos o festival en Vilamarín cunha frase de Billy Wilder que dicía que el só fixo as películas que quería ver». Segundo explicou o director técnico, ese espírito é o mesmo que move ao equipo organizador: «A ilusión coa que se fai, a máxima profesionalidade, o máximo corazón e, sobre todo, o trato para facer do cinema non só unha celebración, senón proxectar Ourense fóra das nosas fronteiras, atraer á xente e conseguir que o cinema sexa do público». Neste sentido, Vázquez amosou o seu agradecemento institucional á Deputación, á Xunta de Galicia —a través da Consellería de Cultura, Agadic, Turismo de Galicia e Galicia Calidade—, así como aos patrocinadores privados, colaboradores, traballadores e voluntarios que fan posible o certame.   

Así mesmo, o director técnico fixo fincapé en que a estratexia da organización pasa por romper a estacionalidade do festival, subliñando que «o festival de cine non pode limitarse á súa semana oficial». Vázquez salientou que este ano xa se puxeron en marcha iniciativas fóra das datas centrais na universidade, nas vilas, nas librarías e a través de alianzas coa Academia Galega do Audiovisual arredor dos Premios Mestre Mateo, adiantando que de cara á vindeira edición «o obxectivo é programar aínda moitas máis actividades ao longo de todo o ano» por toda a provincia.  

Respaldo absoluto ás Seccións Oficiais e crecemento nas salas

Pola súa banda, o programador Alberto González Araújo detallou os resultados cualitativos da carteleira cinematográfica, asegurando que «se na presentación estabamos moi contentos porque sabiamos a calidade do que tiñamos, agora estamos aínda máis satisfeitos ao constatar o ben que funcionaron todas as seccións e a resposta do público». González Araújo explicou que a reordenación loxística de espazos acometida este ano resultou un éxito pleno, reflectido nun crecemento do 22% de espectadores na Sección Oficial Internacional e nun incremento da nota media outorgada polos asistentes, que pasou do 7,6 de 2025 a situarse por riba do 8 sobre 10. Este entusiasmo quedou referendado co récord acadado pola gañadora do Premio do Público, La casa de las mujeres, que obtivo unha cualificación histórica de 9,37 sobre 10 (un 4,7 sobre 5).   

O programador debullou tamén o excelente rendemento das seccións paralelas, destacando a subida dun 104% en Inédito e o auxe do ciclo Agarimo dedicado a Billy Wilder, que medrou un 270% ata situarse como a cuarta sección máis concorrida de todo o festival. Alberto González celebrou que o festival batera a súa marca con 800 espectadores únicos nun só día sumando as salas de cinema de Ponte Vella e o Teatro Principal, e puxo en valor momentos como os vividos en Panorama Galicia con Guerrillero ou con KIRO, «onde a xente remataba en pé e cantando durante os créditos pase tras pase». 

O programador destacou tamén a fidelización de espectadores que viaxaron expresamente a Ourense para ver cinema exclusivo, a presenza de asistentes que viron máis de 16 películas en cinco días e fitos de relevancia internacional como a estrea estatal do último filme do oscarizado Asghar Farhadi ou a recuperación dunha obra inédita de Fellini 33 anos despois da súa morte. Ademais, tamén puxo en valor a importancia que ten para un festival internacional reunir a talentos tan variados: «Foi moi significativo ver na clausura a actrices de traxectorias tan diversas como Jessica Reynolds —que chegou a Ourense a recoller o seu premio só 14 horas despois de rodar en Londres con Charlotte Rampling—, Charo López ou Federica Sabattini dándose a man, amosando a forza do festival para propiciar o encontro de referentes de distintas cinematografías».   

Un certame diversificado e aberto a novos públicos

O director artístico, Óscar Doviso, fixo fincapé na consolidación do festival no panorama estatal, afirmando que a 31ª edición supuxo «un paso máis cara a un festival de referencia en Galicia e en España, visibilizando tanto a interpretación como a dirección e a produción». Doviso valorou a presenza na cidade de figuras sobranceiras como Javier Gutiérrez, José Manuel Lorenzo, Uxía Blanco, Jaime Lorente ou Charo López, destacando a capacidade do certame para conectar xeracións. 

Doviso subliñou asemade que a diversificación de actividades funcionou como un reclamo determinante para abrir o certame a novos perfís sociais, apuntando que propostas como a exposición Terra do Anel serviron como primeiro contacto para que moitos mozos e familias se interesaran despois polo resto da programación. O director artístico puxo en valor o éxito de convocatorias na rúa como a sesión vermú de Mambas Negras na Praza de Santa Eufemia, a sesión familiar ‘Lembra Xabarín’, o ciclo de animación ‘Anímate ao cine’ ou o concerto da OUFF Film Symphony en Verín. Respecto a esta última cita, Doviso adiantou que «o vindeiro ano levaremos a orquestra sinfónica a outra localidade para que a música de cine continúe xirando pola provincia».

Salto mediático nas redes e en televisión nacional

A estratexia de comunicación desta 31ª edición apostou fortemente polas redes sociais e a presenza de grandes rostros do panorama estatal, xerando unha repercusión histórica que superou os 7,4 millóns de impactos totais, o que supón un valor publicitario equivalente a 98.000 euros.   

A proxección do festival a nivel nacional disparouse grazas á implicación dos seus invitados. O actor Maxi Iglesias, que asistiu ao coloquio de Nuda Propiedad no OUFF, mencionou ao festival ao día seguinte na súa visita ao programa El Hormiguero en prime time (cun impacto de 1,5 millóns de espectadores). Do mesmo xeito, a xornalista Sonsoles Ónega quixo estar presente na estrea exclusiva de Las hijas de la Criada, enviando un afectuoso vídeo ao público do festival nunha xornada que tivo gran eco nos informativos de Antena 3 (1,9 millóns de espectadores).

A comparecencia concluíu co anuncio das datas da vindeira cita: a 32ª edición do OUFF celebrarase do venres 24 de setembro ao domingo 3 de outubro de 2027, ao tempo que a organización lembrou que a exposición Terra do Anelcontinuará aberta ao público no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o vindeiro 1 de novembro.

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrouse do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizada pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.