O Campamento Urbano de Amencer celebra o seu "Día do Parlamento" no Pazo Provincial
- Rosendo Fernández e Montserrat Lama recibiron aos máis de cen rapaces, de 11 e 12 anos, que protagonizaron unha sesión plenaria xuvenil.
Ourense, 7 de agosto de 2017.- Máis de cen rapaces, de 11 e 12 anos, do Campamento Urbano de Amencer celebraron o seu "Día do Parlamento" protagonizando un Pleno Xuvenil no Pazo Provincial. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e a deputada provincial de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, recibiron aos rapaces no Salón de Plenos.
Rosendo Fernández destacou a importancia de levar a cabo este tipo de eventos que "achegan a Institución aos máis novos" e explicoulles o funcionamento do Salón de Plenos do goberno provincial. Asemade, o vicepresidente da Deputación de Ourense respondeu ás cuestións dos rapaces acerca dos servizos que presta a Deputación de Ourense aos cidadáns e aos concellos da provincia nas diferentes áreas, o labor que realizan os deputados provinciais e as iniciativas que desenvolve o goberno provincial dirixidas aos máis cativos da provincia.
Posteriormente, os rapaces protagonizaron unha sesión plenaria na que debateron propostas para o programa de actividades das vindeiras edicións do Campamento Urbano de Amencer.