O Campus de Ourense acolleu este fin de semana a fase final do Hackathon - Laboratorio de Ideas e Innovación

Compartir

Ourense, 15 de outubro de 2022.- A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acolleu este fin de semana a fase final presencial do Hackathon - Laboratorio de Ideas e Innovación.

A iniciativa estivo organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense en colaboración coa Universidade de Vigo, dentro do proxecto Emprende Makers, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A ESPAÑA - PORTUGAL (POCTEP ) 2014-2020.

A convocatoria lanzouse o 12 de setembro no Campus de Ourense, prantexando dun xeito transfronteirizo o desenvolvemento de ideas innovadoras, buscando contribuír a dinamizar e fortalecer os lazos da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, conxugando a tradición histórica coas necesidades do momento actual de aceleración na dixitalización, a sustentabilidade e a resiliencia.


55 participantes e 4 equipos semifinalistas

Neste reto participaron 55 participantes, tanto de España como de Portugal, agrupados nun total de 9 proxectos, dos cales 4 deles foron semifinalistas. Estes 4 proxectos formaron parte desta fase final, abarcando temas tan variados como a enoloxía, unha aplicación "responsable" para cumprir os obxectivos de desenvolvemento sostible aplicados ao turismo ou unha aplicación para viaxeiros.

O venres e o sábado pola mañá os equipos finalistas contaron cunha sesión de traballo. Despois, celebrouse a queda de presentantación ante o xurado. A esta xornada asistiu o deputado Jorge Pumar e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.