O Centro Cultural da Deputación exhibe por primeira vez en Ourense os trofeos das eurocopas e do Mundial de fútbol

Compartir

Estarán expostos ao público hoxe luns, de 10.00 a 21,30 horas.

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación exhibe hoxe ao público por primeira vez en Ourense os tres trofeos recentemente gañados pola Selección española de Fútbol: Eurocopa 2008, Mundial 2010 e Eurocopa 2012. Os trofeos exporanse ao público en horario de 10.00 a 21.30 horas. Previamente, tivo lugar no mesmo Centro Cultural o acto de recepción das copas, que contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do delegado en Ourense da Federación Galega de Fútbol, José Luis Cachaldora, xunto a outros directivos federativos.

Esta é a primeira vez que chegan a Ourense os tres trofeos máis importantes gañados pola Selección española de Fútbol, para que os visitantes poidan contemplalos e fotografarse con eles. Xa en 2011, cando a Deputación expuxo en Ourense a Copa do Mundo de Fútbol a resposta do público fora multitudinaria, e nesta ocasión a Deputación de Ourense porá, ademais, a disposición dos visitantes un libro de sinaturas para que quen o desexe poida deixar a súa testemuña de felicitación aos xogadores da Selección. O libro será posteriormente enviado por parte da Deputación provincial á Real Federación Española de Fútbol como agasallo e mostra de cariño dos ourensáns polos éxitos acadados pola Selección.