O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" inaugura a exposición da artista mexicana Maribel Portela
O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense inaugura hoxe mércores, ás 20.15 horas, a exposición da artista mexicana Maribel Portela, quen amosa os seus traballos por primeira vez en Galicia e faino no centro expositivo da Deputación de Ourense. "Suma á natureza" é o nome da mostra na que Maribel Portela presenta quince pezas de diferentes formas e materiais, nas que a escultora explora as relación do home coa natureza, nun sentido "crítico e matemático" a través das diferentes formas das obras.
Madeira, papel, plástico e materiais vexetais conforman os elementos que Maribel Portela conxuga e mestura para crear sensacións que atraen ao espectador "nunha exposición nada convencional e de gran calidade", como a definiu o director do Centro Cultural, Francisco González, hoxe na presentación da mostra.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, dixo que a obra desta escultora mexicana "chega a Ourense logo de percorrer Estados Unidos, México e Canadá, amosando así unha clara vocación de internacionalización para esta obra que non deixa indiferente a ninguén".
Maribel Portela explicou que durante todo o seu traballo creativo, "sempre tento explotar a relación dos seres humanos co cosmos. Este enlace exprésase a través de medos, paixóns e odios, e por medio da creación e destrución, e da forza da realidade". Maribel Portela naceu en México D.F. É diplomada en Arte pola prestixiosa Escola Nacional de Artes Plásticas na Universidade Nacional Autónoma de México. Enmarca a súa obra dentro do xénero de arte contemporánea, aínda que mantén as súas raíces nas obras precolombinas de México.
A exposición que presenta no Centro Cultural supuxo para artista máis de dous anos de traballo, que son os que leva experimentando con novos materiais como son acrílicos, sementes, madeiras, plásticos e papel.