O Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo exhibe unha mostra da historia do traxe tradicional galego na muller

Compartir

O Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo da Deputación de Ourense inaugurou hoxe venres unha exposición sobre "A Indumentaria tradicional feminina", que permanecerá aberta até o vindeiro 15 de xullo no mesmo Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo. Esta exposición, organizada polo propio centro, é unha mostra dos traballos realizados polos alumnos de teares do curso 2013. A inauguración da mostra contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lourenzo", Mariló Fernández Senra; o asesor de Política Cultural da Deputación, César Fernández, e a profesora do curso de teares, Concha Outeiriño, quen fixo unha demostración do traballo de tecido tradicional.

A exposición está formada por unha colección de 25 bonecas vestidas con distintos modelos de traxes de gala e de traballo, facendo un percorrido polas pezas máis significativas do traxe tradicional galego feminino ao longo da historia. As pezas van acompañadas de textos e debuxos explicativos de Clodio González e Salomé Fernández.

Os visitantes poden atopar tamén na exposición pezas creadas polos alumnos do curso de teares que foi impartido por Concha Outeiriño, no cal, os asistentes aprenderon o manexo do tear e como realizar diferentes creacións segundo as técnicas empregadas.

Rosendo Fernández destacou o traballo que fai o Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo polo mantemento e difusión da nosa cultura e tradicións, e nomeadamente citou aos membros de Castro Floxo pola revisión e recuperación etnográfica da tradición e a cultura galega, afirmando que un pobo, "para proxectarse de xeito sólido cara ó futuro non debe esquecer nunca as súas raíces".