O Comité de Seguridade da Deputación establece un protocolo de actuación contra o coronavirus

Compartir

  • Na reunión de hoxe acordou medidas estruturais e persoais centradas na hixienización e desinfección, así como a instalación de paneis informativos.
 
Ourense, 12 de marzo de 2020.- O Comité de Seguridade e Saúde da Deputación de Ourense acordou na súa reunión extraordinaria de hoxe, no Pazo Provincial, establecer un protocolo especial de prevención e actuación contra o coronavirus, seguindo as recomendacións da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O Comité acordou medidas estruturais e persoais centradas na hixienización e desinfección, así como a instalación de paneis informativos. O contido do protocolo foi sometido a debate dos membros do Comité e acordouse aprobalo e poñer en funcionamento as medidas recomendadas e darlle difusión en todos os centros de traballo. Complementariamente, tamén se acordou substituír temporalmente o sistema de control de entrada por un sistema de firma nos diferentes departamentos.
 
As medidas adoitadas no ámbito estrutural son as seguintes:
 
1.Dotar de puntos de hixienización as entradas de todos os centros de traballo da Deputación de Ourense, e noutros puntos de acceso, especialmente nos centros de concorrencia pública como Rexistro, Recadación, Pazo Provincial, Teatro Principal, Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Pazo dos Deportes, Escola de Gaitas, taller e parque de maquinaria.
2.Dotar de dispensadores automáticos de xabón ou desinfectantes en todos os aseos.
3.Colocaranse paneis informativos indicando a técnica correcta para o lavado de mans, nos aseos, taboleiro de anuncios e vestiarios.
4.Extremar a desinfección por parte da empresa de limpeza, aplicando un desinfectante nos pomos e marcos das portas, apertura de fiestras e billas, cada dúas horas durante a xornada laboral. 
 
As medidas persoais que indica o protocolo, que recomenda a Consellería de Sanidade, son as seguintes:
 
1.Extremar a hixiene persoal, especialmente o lavado de mans. Debe realizarse a técnica previa de retirada de aneis, reloxos, pulseiras, etc.
2.Evitar tocar os ollos, nariz e boca coas mans se non están limpas.
3.Ao tusir cubrir a boca cun pano desbotable (non reutilizar), ou ben, protexerse coa cara interna do cóbado flexionando antebrazo.
4.En caso de síntomas respiratorios, febre ou tose, evitar contacto próximo con outras persoas, mantendo unha distancia mínima de dous metros.
5.Se viaxou a unha área de risco (país ou comunidade) ou sospeita estar en contacto con alguén desta procedencia, ante a presenza de sintomatoloxía respiratoria, contacte co 061. O persoal sanitario indicaralle as instrucións que debe seguir.
6.Nunca se presente nun centro de saúde nin en centros hospitalarios.
7.Aleatoriamente e como responsabilidade individual pódese tomar a temperatura no domicilio.
 
Todas estas medidas poderían ser modificadas en función das necesidades e da evolución da situación, segundo aconsellen as administracións públicas competentes en materia de saúde pública. A Deputación de Ourense seguirá as instrucións que neste sentido se ditaminen.