O Comité técnico de "Partenalia" analiza en Ourense os plans de traballo para este ano
- Manuel Baltar expuxo os proxectos que o goberno provincial desenvolve en materia económica, termal e de innovación, e anunciou que presentará ao comité político de Partenalia o Consello Europeo de Economía Sostible para impulsar iniciativas medioambientais.
Ourense, 23 de febreiro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a xornada do comité técnico de Partenalia, que reúne en Ourense a técnicos de diferentes gobernos locais intermedios de España e outros países de Europa. Baltar, vicepresidente de Partenalia -a organización de gobernos intermedios de Europa-, destacou os proxectos que puxo en marcha a Deputación de Ourense e que poderían ser de interese para desenvolver nas súas respectivas administracións. Entre eles citou a iniciativa "Provincia Intelixente", un proxecto tecnolóxico que impulsamos xunto con Vodafone e IBM, que propiciará, entre outras medidas, a apertura dun Centro Tecnolóxico en Ourense".
O presidente do goberno provincial tamén se referiu á importancia que ten o Observatorio Económico Ourensán, "que estamos a presentar estes días por diferentes lugares da provincia e que permite realizar unha diagnose actualizada dos indicadores socio-económicos non só da provincia senón tamén no ámbito comarcal e municipal. Trátase dunha ferramenta que permite extraer datos obxectivos en materia económica e demográfica para acertar en políticas públicas como, por exemplo, na posta en marcha de plans de apoio á natalidade, emprego ou emprendemento".
O obxectivo desta reunión de traballo dos técnicos de "Partenalia" é revisar a evolución dos diferentes proxectos nos que se traballa en rede entre os diferentes territorios de Europa, nos ámbitos turístico e de xestión, como son o proxecto Red Europea de Turismo gastronómico (Consultora Welcolm Europe. Así mesmo, presentouse "Communication Kit", un paquete de información común para que os membros de Partenalia promovan a adhesión de novos socios, e analizouse a estratexia de comunicación online da organización. Na xornada abordouse tamén a vindeira reunión do consello político de Partenalia, que se celebrará en Bruxelas a finais de marzo, no cal Manuel Baltar proporá a celebración, no mes de maio, dun comité político en Ourense, para transmitir ás demais administracións integradas en Partenalia a posta en marcha do Consello Europeo de Economía Sostible, que terá a súa sé en Ourense e que xurdiu como consecuencia da misión comercial USA-Ourense celebrada en 2016.
Baltar tamén salientou, no ámbito termal, a entrada da Deputación de Ourense na EHTTA, a rede termal máis importante de Europa, na que están presentes 40 membros de 13 países e en representación da cal, presentou recentemente en Bruxelas o proxecto do "Atlas Termal Europeo", a maior base de datos sobre recursos termais en Europa, para o estudio e divulgación do patrimonio termal europeo.
Ademais, na reunión de hoxe, os técnicos de Partenalia fixeron balance das actividades do ano 2016 e presentaron o plan de acción para este ano 2017.