O concerto de Amizade Galicia-Escocia reúne no Carballiño á Real Banda e a Scottish Power Pipe Band

Compartir

  • Celébrase o vindeiro sábado ás 20.00 horas no Auditorio.

Na sala de xuntas do Pazo Provincial tivo lugar hoxe a presentación do "Concerto de amizade Galicia-Escocia", que se celebrará o sábado 16 de novembro no Auditorio Municipal do Carballiño, ás 20.00 horas, organizado por Iberdrola en colaboración co Concello do Carballiño e a Deputación de Ourense. O acto reunirá a dúas das mellores bandas de gaitas do mundo: a Real Banda da Deputación de Ourense e á Scottish Power Pipe Band, de Escocia, nun concerto único en Galicia, de entrada libre para o público, no que tamén actuarán os músicos Alfonso Medela e Xosé Miguélez.

O acto de presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva Castaño, e o alcalde do Carballiño; Argimiro Marnotes.

O concerto porá en escena dous estilos de entender a música tradicional celta, a galega e a escocesa, a través dun elemento común como é a gaita. Rosendo Fernández dixo que este concerto significa "a posta en valor do noso para contribuír a ter unha identidade máis forte a través da música e da cultura", e engadiu que a gaita nos permite neste caso "estreitar lazos de confraternidade entre os pobos galego e escocés, no que se converte en algo máis que unha actividade artística, pois é unha xornada de convivencia e intercambio".

Argimiro Marnotes destacou "o luxo" que supón para O Carballiño acoller un concerto destas características, "que mestura a tradición coa historia da nosa terra", e destacou a importante aposta cultural que está a facer a vila carballiñesa nos eidos do teatro, o cine, os encontros corais e demais representacións artísticas que se están a desenvolver no Carballiño.

Finalmente, o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, explicou que este concerto de irmanamento é posible grazas á colaboración entre a iniciativa empresarial e institucional, e dixo que a Scottish Power é a banda que ten a empresa filial de Iberdrola en Escocia, "unha verdadeira embaixadora musical e cultural, a cal traemos agora a Galicia porque queremos apoiar ás comunidades onde Iberdrola ten unha importante presenza no ámbito hidráulico, sendo Galicia unha das máis destacadas".