O Consello da Ourensanía propón recuperar o Instituto "Padre Feijóo"

Compartir

  • Reunido na "Casa dos Poetas", en Celanova, este órgano de asesoramento cultural promovido pola Deputación de Ourense, avaliou asemade diferentes candidaturas para o Premio Ourensanía 2018.

Ourense, 19 de xuño de 2018.- O Consello da Ourensanía, órgano de asesoramento cultural promovido pola Deputación de Ourense, acordou hoxe promover a recuperación do Instituto de Estudos e Cultura "Padre Feijóo", unha entidade que xa existira hai décadas, dependente da propia Deputación de Ourense, sendo director da sección de Humanidades Juan Luis Saco, o actual presidente da Fundación "Otero Pdrayo".

Baixo a Presidencia do titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o Consello da Ourensanía celebrou a súa reunión de hoxe na Casa dos Poetas, en Celanova, xuntanza na que participaron o escritor e director do PEN Galicia, Luis González Tosar; o xestor cultural no Concello de Celanova, Antonio Piñeiro; o profesor e escritor, Miguel Anxo Fernández; o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, e Juan Luis Saco.

A proposta de recuperar o Instituto "Padre Feijóo", acordada por unanimidade, ten como finalidade que esta entidade "dinamice o ambiente cultural e actúe como coordinadora de eventos e actividades culturais de Ourense", expresou Manuel Baltar, quen destacou que o Instituto "contaría tamén cun apartado centrado na investigación, dando continuidade ao labor iniciado no seu tempo, co obxectivo de pór en valor a historia, os persoeiros e o importante legado cultural co que conta a provincia de Ourense".

Baltar afirmou que recuperar o Instituto Padre Feijóo "supón avanzar cara o futuro da nosa cultura impulsados pola fortaleza dunha tradición como poucas, a que existe en Ourense, poñendo no cumio o valor cultural e intelectual como cerna de todo e para todo o que ten que ver co progreso e a identidade da Ourensanía".

Na súa reunión de hoxe, o consello tamén avaliou diferentes candidaturas para o Premio Ourensanía na edición de 2018, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.