O Consello Social da Deputación de Ourense avanza no seu traballo
- Recolle na súa primeira reunión técnica suxestións para as axudas que o goberno provincial concede ás entidades sociais.
Ourense, 9 de febreiro de 2017.- O Consello Social da Deputación de Ourense avanza no seu traballo, así o informou o vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández. Trala constitución do Consello Social Provincial o pasado día 23 de xaneiro, celebrouse a primeira reunión de traballo das entidades sociais representadas neste organismo cos técnicos da institución provincial para falar dos cambios a realizar, a proposta das entidades, para desenvolver unhas novas bases reguladoras do Programa de Axudas a Proxectos Sociais para este ano, que tivera en conta as achegas do movemento asociativo provincial de carácter social.
"Trátase da primeira reunión técnica do Consello Social co obxectivo de desenvolver un espazo no que a Deputación de Ourense e as entidades sociais da provincia, traballen conxuntamente e de maneira permeable, para que as diferentes políticas sociais do goberno provincial se desenvolvan desde un mellor coñecemento das inquietudes do terceiro sector, e establecer así, un diálogo entre a sociedades e a xestión pública, de cara a unha maior transparencia, eficacia e eficiencia", explicou Rosendo Fernández.
Entre os temas abordados nesta reunión atópase o de fixar como requisito para o acceso ás axudas provinciais, a obriga de que as entidades que queiran presentar a súa solicitude ao Programa, teñan que ter o seu domicilio social e/ou unha sede física na provincia de Ourense. Outro dos ámbitos que contou con maior número de propostas foi o relativo aos criterios de valoración dos proxectos. Neste senso, as asociacións recomendaron suprimir, modificar ou clarificar algúns destes aspectos.
Por outra parte, falouse da fixación dunha nova porcentaxe máxima de cofinanciamento público dos proxectos, ao entender que se debe ter en conta a diferente natureza dos mesmos, os colectivos aos que se atende e a capacidade da entidade. Asemade, as entidades propuxeron á Deputación de Ourense introducir a posibilidade de adiantar unha parte da axuda aprobada, de xeito que se achegase un anticipo financeiro sobre o total da axuda que se cobra despois da fase de xustificación para que as entidades conten cunha capacidade económica de maior solvencia e poidan así executar o proxecto aprobado.
En canto ao funcionamento do Consello, aportáronse propostas das entidades para desenvolver fórmulas desde este organismo para intentar evitar ou reducir as duplicidades entre as actividades das asociacións, así como buscar plataformas para traballar de forma conxunta na certificación e acreditación de selos de calidade ou transparencia.
No apartado da tramitación das axudas, propúxose eliminar o papel en todas as fases do procedemento da xestión das axudas provinciais e substituílo por unha implantación dixital integral. Neste mesmo ámbito, as entidades fixeron unha proposta sobre a data de publicación e a resolución do Programa de axudas para que o goberno provincial anticipe, na medida do posible, a súa publicación e resolución para que as entidades realicen unha planificación anual e unha certeza financeira cos proxectos a desenvolver durante o ano natural.
Por último, as entidades plantexaron a posta en valor do traballo en rede das diferentes entidades participantes, aportando a posibilidade de incorporar á convocatoria unha discriminación positiva para os proxectos que incorporen esta dimensión de traballo. A Deputación de Ourense está a ultimar as normas de funcionamento do Consello Social Provincial.