O Consorcio de Augas de Valdeorras dará servizo a 28.000 habitantes

Compartir

Hoxe tivo lugar no Barco a sesión constitutiva, coa presenza da Deputación de Ourense, Augas de Galicia e os nove concellos valdeorreses.

O obxectivo é a ordenación e xestión dun servizo intermunicipal de depuración de augas residuais.

Xestionar un servizo intermunicipal de depuración de augas residuais no concellos que integran a comarca de Valdeorras é o obxectivo co que hoxe comezou a súa andaina o Consorcio de Augas de Valdeorras, un ente integrado pola Deputación de Ourense, Augas de Galicia e os nove concellos da comarca valdeorresa.

Na xuntanza, na que participou o conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, tivo lugar a sesión constitutiva do consorcio, na que foi elixido presidente do mesmo o titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Tamén foron elixidos os membros da Comisión Executiva, integrada polo titular de Medio Ambiente, Agustín Hernández; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde de O Barco, Alfredo García; a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Mª del Carmen González, e o alcalde de Larouco, Joaquín Prieto. Pola súa banda, a Comisión Especial de Contas estará formada polo director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez; polo alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, e polo alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez. Ademais na xuntanza informouse das primeiras accións que se van levar a cabo no inicio da actividade do consorcio.

O pasado 11 de outubro o Consello da Xunta de Galicia aprobou os estatutos do devandito Consorcio de Augas de Valdeorras, que está integrado polo ente público empresarial Augas de Galicia, a Deputación de Ourense, e os concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.

O obxectivo principal do consorcio é a ordenación e xestión, por delegación dos concellos que o integran, dun servizo intermunicipal de depuración de augas residuais, que comprenderá o exercicio de todas as competencias municipais na materia para a totalidade dos termos municipais de referencia. O ámbito material do servizo abarcará a depuración de todas as augas residuais que se vertan ás actuais infraestruturas municipais de depuración a través das correspondentes redes públicas de saneamento, así como a depuración das augas residuais que se reciban nas fosas sépticas de titularidade municipal, así como a depuración das augas residuais que se xestionen a través das infraestruturas que, no exercicio das competencias delegadas, poida crear o consorcio no futuro.

Tamén asumirá as competencias municipais en materia de policía de vertidos de augas ás infraestruturas de depuración, incluíndo o exercicio de todas as facultades de vixilancia, inspección e control.

O Consorcio, que terá a súa sede social no Concello do Barco de Valdeorras, xestionará o servizo de depuración de augas residuais dos preto de 28.000 habitantes dos concellos da comarca de Valdeorras. A prestación deste servizo integral implica unha mellor garantía ambiental para os ríos da comarca, o que beneficia aos ecosistemas e a todos os usos da auga, como o de abastecemento. Ademais, supón a asunción da responsabilidade do mantemento das instalacións de depuración e o seu seguimento ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, así como unha maior sostibilidade económica, financeira e institucional na xestión.