O cumio de Partenalia aproba a "Declaración de Ourense 2020", un pacto interprovincial pola sustentabilidade

Compartir

  • Manuel Baltar, xunto a Javier Moliner, presidente de Partenalia, e outros representantes institucionais, participou nas Burgas no acto de lectura da Declaración, que recolle as conclusións do encontro político dos gobernos locais intermedios de Europa, celebrado en Ourense.

Ourense, 16 de maio de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense e vicepresidente de Partenalia, Manuel Baltar, participou hoxe no Xardín das Burgas, xunto a Javier Moliner, presidente desta rede europea de gobernos locais intermedios; David Levine, presidente da American Sustainable Business Council, e outros representantes institucionais, no acto de lectura da "Declaración de Ourense 2020", o documento que recolle as conclusións do Encontro político de Partenalia, celebrado estes días en Ourense, co obxectivo de debater sobre políticas medioambientais e transparencia.

Baltar expresou o agradecemento pola presenza dos líderes provinciais de Partenalia en Ourense "ao longo destas dúas xornada nas que analizamos importantes aspectos para as boas prácticas na gobernanza e a xestión pública nos ámbitos do medio ambiente e da transparencia, cumio no que seguimos fortalecendo ese traballo en rede a prol dos territorios provinciais de Europa".

Manuel Baltar lembrou que a vindeira conferencia de presidentes de gobernos provinciais –un evento que tivo a súa orixe en Ourense en 2014- celebrarase en Segovia no mes de outubro, e destacou precisamente o compromiso asumido unanimemente hoxe polos territorios provinciais enmarcados en Partenalia "na súa defensa das políticas medioambientais e sustentables", un compromiso que recolle a Declaración de Ourense, "unha provincia que é auga, unha provincia termal".

Javier Moliner deu lectura á dita Declaración de Ourense 2020: un pacto interprovincial pola sustentabilidade, que ten como obxectivo ser o marco de referencia de Partenalia, avogando pola sustentabilidade, a transparencia na xestión pública e a loita contra o cambio climático.

O documento recolle os seguintes 10 compromisos:

1. Fortalecer os mecanismos institucionais, xurídicos e financeiros adecuados para lograr un crecemento intelixente, sostible e integrador dos nosos territorios.

2. Promover un enfoque dinámico, interactivo e multisectorial da xestión dos recursos públicos abarcando consideracións políticas, económicas, sociais, tecnolóxicas, ecolóxicas e legais.

3. Promover o uso de enerxías limpas e renovables, así como mellorar a eficiencia na xestión e a súa sustentabilidade a longo prazo, logrando así a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

4. Integrar medidas de protección e conservación dos recursos hídricos garantindo o acceso e subministro de calidade para os nosos cidadáns.

5. Mellorar e soster a eficiencia no aproveitamento dos recursos a través de novos modelos de produción e xestión centrados na economía circular.

6. Converter os riscos e ameazas derivados do cambio climático en oportunidades de crecemento verde.

7. Impulsar iniciativas de normalización do "goberno aberto", centradas na transparencia da xestión política, a participación dos cidadáns na xestión pública e a rendición de contas.

8. Publicar de forma aberta todos os datos referentes ás políticas medioambientais, de maneira que poidan ser reutilizables pola sociedade para xerar riqueza.

9. Crear as ferramentas e mecanismos necesarios para que os cidadáns participen coas súas ideas e propostas na toma de decisións, xerando impactos positivos na comunidade local.

10. Empoderamento dos colectivos sociais máis vulnerables, para lograr comunidades libres, inclusivas, cohesionadas e equitativas.

Con esta acto remata o Encontro político de Partenalia, que analizou durante dúas xornadas en Ourense estratexias de cooperación das provincias da Unión Europea en materia de transparencia e xestión pública sustentable. O cumio político reuniu aos representantes institucionais das provincias e a expertos en materia de medio ambiente e transparencia como Robert F. Kennedy, presidente de Waterkeeper Alliance; David Levine, presidente da ASBC e Juan Manuel Roa, presidente de Transparencia Pública.