O cumio termal europeo resalta o potencial turístico da Ribeira Sacra e o programa de termalismo deportivo

Compartir

  • Na derradeira xornada en Ourense os delegados da Asociación de cidades e vilas termais de Europa percorreron co presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, dous dos enclaves nos que a Deputación está a desenvolver iniciativas de promoción turística para resaltar as singularidades naturais, culturais e históricas da provincia de Ourense.

Ourense, 5 de outubro de 2018.- A derradeira xornada da asemblea de Asociación de cidades e vilas termais históricas de Europa (EHTTA) estivo dedicada a analizar as singularidades turísticas da provincia de Ourense. Os delegados dos principais destinos termais de Europa coñeceron de man do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dúas das iniciativas que o goberno provincial está impulsando para potenciar a competitividade do sector turístico ourensán, como son a Ribeira Sacra e a súa candidatura a Patrimonio Mundial pola Unesco, e o programa de Termalismo Deportivo que desenvolve a Deputación de Ourense e que ten convertido á nosa provincia en referente para o deporte náutico de alta competición nos ámbitos do remo e do piragüismo.

A xornada comezou no mosteiro de san Pedro de Rocas (Esgos), epicentro da Ribeira Sacra, onde Manuel Baltar destacou a importancia deste enclave natural, así como a riqueza do patrimonio histórico-artístico da comarca. "O feito de que Ourense sexa estes días capital termal de Europa coa celebración deste cumio sobre termalismo supón un importante respaldo de promoción turística para a nosa provincia, a de maior potencialidade termal de Europa", destacou Manuel Baltar, engadindo que hoxe "tocaba analizar as peculiaridades do mosteiro de Rocas, enclavado na Ribeira Sacra, pola que estamos a traballar para que sexa declarada patrimonio mundial, e neste sentido, entre os delegados que nos visitan hai persoas que desenvolven labores para a Unesco e estou convencido de que levarán unha magnífica impresión deste encontro".

Posteriormente, a delegación termal europea realizou un percorrido en catamarán polos Canóns do Sil, rematando a xornada no balneario de Laias, "onde coñeceu as instalacións duns dos nosos espazos termais por excelencia, no que as mellores seleccións do mundo de remo e piragüismo veñen a preparar campionatos internacionais e olimpíadas. Isto permítelles ter unha visión integral do que é esta provincia termal e, sen dúbida, posiciona a Ourense", remarca Baltar.

A Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa, entidade á que pertence a Deputación de Ourense, é a rede termal máis importante de Europa, integrada por 40 membros de 13 países, con cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia capital de Ourense, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.