O deputado de Representación Institucional participa na presentación da segunda edición de “Inspiro” en Expourense

Compartir

Ourense, 5 de marzo de 2024.- O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou hoxe en Expourense na presentación da segunda edición de "Inspiro", o Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e Centros de Formación Profesional) tanto de Galicia como do norte de Portugal. A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que organiza a empresa especializada en informática e marketing dixital "Dixital Gou" en colaboración con Expourense.

Este encontro celebrarase o vindeiro 18 de abril no recinto feira ourensán, cun programa que inclúe conferencias de expertos, encontros "speed networking" e a final do Segundo Concurso de Proxectos Emprendedores no que poden participar estudantes universitarios, de formación profesional, emprendedores e calquera persoa con ideas innovadoras.

O prazo para presentarse a este concurso xa está aberto e rematará o 24 de marzo. As bases de participación e o formulario de inscrición deste concurso están xa dispoñibles na web www.inspiro.es.