O día grande da Palabra, na Insua dos Poetas, homenaxea a Antón Tovar
- No acto de celebración da "XI Festa da Palabra", o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou á Insua dos Poetas como un "territorio privilexiado" da cultura e das artes, e anunciou que proporá para Medalla de Ouro da Provincia ao escultor Acisclo Manzano, "a mais alta distinción que a Deputación concede aos mellores fillos da terra ourensá".
- Na celebración entregáronse os premios "Insua dos Poetas" 2019 nas categorías de Creación literaria, Lingua e cultura galega na diáspora, Acción social, Iniciativa empresarial, Imaxe e audiovisual e Medios de comunicación.
Ourense, 20 de xullo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na celebración da "XI Festa da Palabra", celebrada na Insua dos Poetas (Esgueva, O Carballiño), que neste "territorio privilexiado, a árbore, a auga e a poesía constitúen os alicerces que orientan esta Insua, aberta e plural porque é de todos". No seu discurso de clausura do acto, o presidente anunciou que proporá para Medalla de Ouro da Provincia ao escultor Acisclo Manzano, "a mais alta distinción que a Deputación concede ós mellores fillos da terra ourensá".
Nesta edición o protagonista foi o poeta Antón Tovar, de quen o presidente do goberno provincial dixo que lle toca hoxe entrar na Insua. "Home de doenzas do corpo e de angustia na alma", como dixo del o inesquecible Marcos Valcárcel, hoxe homenaxeamos a Tovar pola súa obra literaria e polo seu exemplo, pola súa actitude cívica. Un escritor que nos descobre en cada libro a súa verdade, os seus sentimentos e os seus soños", dixo Baltar, agradecendo a presenza neste acto da familia do escritor, para manter viva entre todos "a súa memoria e a súa obra, merecente de todo respecto e consideración".
Manuel Baltar salientou que esta Festa da Palabra "é a soleira perfecta, o anticipo do ano da Xeración Nós, porque en Ourense lembraremos, por suposto, a Ricardo Carballo-Calero e celebraremos o centenario da publicación subtitulada: "Boletín Mensual de Cultura Galega", a revista Nós, aparecida en Ourense das mans de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e Antón Losada Diéguez, aos que logo se unirían Cabanillas e Castelao nunha data fulcral, o 30 de outubro de 1920".
Lembrando a historia da Insua dos Poetas, Baltar destacou a súa alma mater: o poeta Luis González Tosar, aquel mozo loitador e creativo chegado das Américas, militante das esencias da nosa identidade e continuador das pegadas doutro grande arxentino-galego, Paco Luís Bernárdez". "O poeta Tosar -afirmou Manuel Baltar-, forxador de empresas culturais, transitou arredor de si ata asentar no cerne maís nutricio; a ourensanía. A nosa peculiaridade, o noso xeito propio de estar no mundo, que el mesmo definiu como "un sentimento que trascende o local e que está presente no mundo, alí onde haxa alguén de Ourense".
"E así naceu esta festa, xuntanza fraterna que non podía enaltecer outra cousa que non fose o verbo. A lingua que nos distingue, o cerne do noso ser como pobo; "a fala dos avós que temos mortos" que dixo outro gran poeta, tamén ourensano, tamén presente nesta Insua, Celso Emilio Ferreiro. Palabras que nos honran e que nos fan grandes e fortes, berce dos nosos fillos, idioma que nos proxecta ó futuro", expresou Baltar.
O presidente remarcou que este evento cultural "arraizou nesta Insua, medrou canda as árbores e refrescounos coas súas augas, sendo, despois de once edicións, unha cita destacada no conxunto das actividades culturais de cada ano, tanto en Ourense como na Galicia do aquén e do alén, porque sempre contamos cos nosos emigrados, que fan Patria día a día, sen teren en conta a distancia que nos separa", afirmou Manuel Baltar.
Baltar agradeceu o labor de Luís González Tosar e dos membros da Fundación, "quen co seu traballo fixeron posible esta actividade, "asumindo á proposta de que a Xeración Nós estea representada na vindeira Festa da Palabra", e rematou afirmando que a Deputación de Ourense "redobrará os seus esforzos a prol dunha cultura que, canto máis nosa sexa, será máis universal. Estaremos lonxe de calquera dirixismo, promovendo actividades, patrocinando publicacións, organizando eventos, compartindo proxectos, impulsando a vangarda e respectando a tradición: Só así seremos merecentes do desexo que expresara Antón Tovar: "Quero carrabouxos/ i as maus xenerosas,/ quero unha Galiza/ que arrecenda a rosas/".
Na celebración entregáronse os premios "Insua dos Poetas" 2019: na categoría de creación literaria, a María Solar, xornalista e escritora; na categoría de Lingua e Cultura Galega na diáspora, o Centro Galicia de Bos Aires; na categoría de Acción Social, os veciños da parroquia de Madarnás, no Carballiño; na categoría de Iniciativa empresarial, o empresario natural de Dacón, Maside, Manuel Bernárdez Otero; na categoría de Imaxe e audiovisual, a asociación fotográfica O Potiños; e na categoría de Medios de comunicación, a Cadena Ser do Carballiño.
Xunto a Manuel Baltar, interviñeron no acto o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, quen definiu a Antón Tovar como "un dos grandes poetas do século XX" e dixo que hoxe, "a ben seguro, está con nós aquí, co seu silencio, rindo por dentro e coa súa ironía, pero sobre todo agradecéndovos que o acompañedes nesta homenaxe".
A celebración contou tamén coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices e persoeiros dos ámbitos institucionais, culturais e sociais, así como veciños da contorna da Esgueva. O apartado musical estivo ao cargo do grupo "2 na Fronteira", que musicou, entre outros, poemas de Antón Tovar, e da a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Tralos discursos, tivo lugar un recital poético diante do mural inaugurado na memoria de Antón Tovar.
A Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a "Festa da Palabra" desde o ano 2009, unha cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán, na cal, ao longo destas nove edicións foron homenaxeados: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez, Víctor Campio e Antón Tovar.