O ex presidente de Ecuador, Gustavo Noboa, visita a Deputación de Ourense
- Mantivo un encontro con Manuel Baltar e inaugurou o Libro de Honra da institución provincial.
O ex presidente de Ecuador, Gustavo Noboa Bejarano, visitou hoxe a Deputación de Ourense, onde foi recibido polo seu titular, Manuel Baltar, unha xuntanza que se enmarca na rolda de visitas que está a realizar o ex mandatario ecuatoriano a Galicia e sinaladamente á provincia de Ourense, de onde é orixinaria a súa familia, concretamente de Maceda.
Durante a xuntanza que tivo lugar no Pazo Provincial, Noboa e Baltar analizaron temas de xestión da administración e concretamente dos diferentes modelos de administración local que se empregan na xestión de servizos en Ecuador e España, un tema que, segundo explicou Manuel Baltar "está de máxima actualidade nestes momentos" por mor da reforma da lei de Administración Local que está a levar a cabo o Goberno español.
Como remate da reunión Baltar convidou a Gustavo Noboa a inaugurar o Libro de Honra da Deputación de Ourense, no cal o ex presidente ecuatoriano expresou a súa gratitude sinalando: "Gran honor es para mí agradecer con esta firma, y más aún por pertenecer como Noboa a una parte de mi sangre gallega. Honor que transmitiré a mis hijos y nietos. Con gran afecto".
Gustavo Noboa Bejarano naceu en Guayaquil o 21 de agosto de 1937. Foi presidente de Ecuador entre os anos 2000 e 2003. É doutor en Dereito pola Universidade de Guayaquil e licenciado en Ciencias Políticas e Sociais. Foi reitor da Universidade Católica de Guayaquil e profesor universitario.
Na súa etapa como presidente destacou por haber renegociado a débeda externa do país e por iniciar a recuperación económica trala difícil crise financeira que tivo que afrontar, logo da cal, a inflación en Ecuador reduciuse significativamente debido a súa xestión económica.
Trala visita á Deputación de Ourense, Gustavo Noboa trasladouse a Maceda, vila de onde é orixinaria a súa familia, para manter un encontro co alcalde, Xabier Oviedo, e coa corporación municipal.