O "Festival Agrocuir da Ulloa", o "Festival Internacional Rebulir", e José Antonio Viñas, director de Queixumes dos Pinos, premios "Rodolfo Prada" á xestión cultural 2019
- O galardón, instaurado pola Deputación de Ourense para destacar a figura deste insigne ourensán, será entregado o sábado, 6 de abril, no marco da V edición da "Ourense ICC Week".
- O xurado destacou "o elevado nivel de calidade" dos traballos presentados ao certame que reparte un total de 6.000 euros en premios.
Ourense, 2 de abril de 2019.- O xurado do Premio ""Rodolfo Prada" á xestión cultural 2019 reuniuse para avaliar as candidaturas presentadas a este certame que instaurou a Deputación de Ourense para destacar a figura deste insigne ourensán e elixir os proxectos galardoados nas tres modalidades do certame. Na reunión, o xurado destacou "o elevado nivel de calidade", dos traballos presentados ao certame que reparte un total de 6.000 euros en premios.
Así, o premio a proxectos vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural foi para o proxecto "Festival Agrocuir da Ulloa", presentado pola Asociación Agrocuir da Ulloa; o premio a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para o proxecto "FIR Festival Internacional Rebulir", presentado pola Asociación Cultural Rebulir; e o premio para profesionais da xestión cultural foi para José Antonio Viñas Mira, director da Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos, no ano que esta asociación cumpre 25 anos.
Os galardóns deste premio que ten como obxectivo distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega, serán entregados o sábado, 6 de abril, no marco da celebración da V edición da "Ourense ICC Week".
En canto á dotación dos galardóns, na modalidade dirixida a proxectos culturais vinculados á AGPXC, o premio consiste na colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promovan as persoas responsables do proxecto gañador, cunha contía máxima de 3.000 euros.
Na modalidade dirixida a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, o premio consiste na colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promova a asociación galardoada, cunha contía máxima de 2.000 euros.
E, por último, na modalidade dirixida a profesionais da xestión cultural, o premio consiste no financiamento dunha bolsa para a participación nalgunha acción formativa sobre xestión cultural no marco do programa "Europa Creativa" ou de calquera outra entidade cultural que resulte de interese para o premiado, cunha contía máxima de 1.000 euros. Asemade, tódolos premios irán acompañados, nas tres modalidades, cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns, así como dun diploma acreditativo.