O Inorde participa nun proxecto europeo para o impulso dixital das PEMEs agroindustriais
- A Rede Agriconect 4.0, que celebrou hoxe a súa reunión de lanzamento, ten como obxectivo a integración nas PEMEs de ferramentas dixitais como big data, intelixencia artificial ou Internet das Cousas, o que permitirá a xestión masiva de información, mellorar a eficiencia, maior automatización e personalización de produtos e servizos.
- Neste proxecto Interreg, no que se investirán máis de 640.000 euros, participan, ademais da Deputación de Ourense a través do Inorde, a Fundación EOI FSP, a Asociación Empresarial Centro Tecnolóxico Agroalimentario "Extremadura", o FEVAL Extremadura, a Associação de Desenvolvemento da Região do Alto Tâmega, e a incubadora de empresas IDDNET-Rede de innovación tecnolóxica.
Ourense, 24 de setembro de 2019.- A Deputación de Ourense participa a través do Inorde nun proxecto europeo para impulsar a transformación dixital das PEMEs agroindustriais. A "Rede Agriconect 4.0", como se denomina esta iniciativa, celebrou hoxe a súa reunión de lanzamento, que tivo lugar no centro cultural "Marcos Valcárcel", coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e os representantes dos socios que integran o proxecto: ademais do Inorde, a Fundación EOI FSP, a Asociación Empresarial Centro Tecnolóxico Agroalimentario "Extremadura", o FEVAL Extremadura, a Associação de Desenvolvemento da Região do Alto Tâmega e a incubadora de empresas IDDNET-Rede de innovación tecnolóxica, estas últimas ámbalas dúas de Portugal.
Esta iniciativa Interreg, na que se investirán 640.057 euros, ten como finalidade a integración nas PEMES de ferramentas dixitais como big data, intelixencia artificial ou Internet das Cousas, o que permitirá a xestión masiva de información, mellorar a eficiencia, maior automatización e personalización de produtos e servizos na rexión transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal e Extremadura-Alentejo-Centro, para aumentar a súa competitividade e capacidade exportadora, creando ademais redes de colaboración empresarial a ámbolos lados da fronteira.
Preténdese a través da cooperación e do traballo conxunto homoxeneizar o estado de dixitalización das PEMEs do sector, diminuír a fenda dixital con respecto ás grandes empresas e achegar solucións concretas a retos tecnolóxicos a través da posta en contacto con emprendedores rexionais e europeos.
Os resultados globais do proxecto serán a mellora do estado de dixitalización das PEMEs e micropemes agroindustriais; o impulso da capacidade exportadora e acceso a novos mercados; a creación de redes de colaboración empresarial; a formación e capacitación dos xestores e técnicos das PEMEs agroindustriais para afrontar a transformación dixital; a colaboración entre as PEMEs agroindustriais con ecosistemas de emprendedores/ startups europeos; e a mellora na oferta de valor dos produtos agroindustriais e os servizos de transformación e comercialización, xerando novas oportunidades de negocio.