O legado do mestre Vide, posto en valor no 125 aniversario do seu nacemento

Compartir

  • As actividades, que se celebrarán o 23 de outubro, consistirán nunha ofrenda floral no cemiterio de San Francisco e unha conferencia sobre vida e obra do homenaxeado.

Ourense, 17 de outubro de 2018.- A Deputación de Ourense colabora, xunto co Concello de Ourense, cos actos impulsados polo músico Óscar Ibáñez para conmemorar o 125 aniversario do nacemento do mestre Vide, para poñer en valor a súa obra e o seu legado cultural. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Ourense, Jesús Vázquez e Belén Iglesias; a neta do mestre Vide, Carmen Fernández; o músico Óscar Ibáñez; e o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, quen recibiu da familiar do mestre Vide unha gaita que Vide trouxo de Cuba en 1932, a cal pasará a formar parte do museo internacional de Cornamusas, da Deputación de Ourense.

As actividades organizadas con motivo do 125 aniversario do nacemento do mestre Vide terán lugar o vindeiro martes, 23 de outubro, cunha ofrenda floral no panteón do Orfeón Unión Orensana aos seus directores, no cemiterio de San Francisco. No acto intervirán a Coral de Ruada, interpretando obras de Vide, e un grupo de gaiteiros da Escola de Gaitas da Deputación, que interpretarán unha muiñeira inédita composta por Vide. Pola tarde terá lugar unha conferencia a cargo do musicólogo Javier Jurado sobre a vida e a obra do homenaxeado, no centro cultural "Marcos Valcárcel". "Con esta iniciativa recupérase parte da nosa historia cultural e recoñécese a traxectoria docente e musical deste ourensán", salientou Rosendo Fernández.