O Mosteiro de San Pedro de Rocas acollerá a sinatura do convenio para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade
- As deputacións de Ourense e Lugo e o Consorcio Turístico asinarán o documento, que ten como obxectivo impulsar o labor institucional e técnico para acadar a dita declaración.
- A Consellería de Cultura e o Valedor do Pobo, xunto cos representantes dos 21 concellos da Ribeira Sacra, tamén estarán presentes no acto de sinatura do convenio.
As deputacións de Ourense e Lugo e o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra asinarán o vindeiro sábado, 14 de decembro, no Mosteiro de San Pedro de Rocas, o convenio de colaboración para a formalización da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Ao acto asistirán, asemade, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e tamén están convocados os alcaldes e representantes dos 21 concellos que integran a Ribeira Sacra nas provincias de Ourense e Lugo.
O obxectivo do convenio é impulsar o labor institucional e técnico que se ven desenvolvendo para acadar por parte da Unesco a declaración deste singular espazo natural como Patrimonio da Humanidade.
Precisamente, hai uns días, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, remitiulle ao seu homólogo de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, a súa proposta de convenio de colaboración para desenvolver actuacións conxuntas que permitan acadar a devandita declaración. O convenio recolle nas súas cláusulas que a finalidade é colaborar no desenvolvemento das actuacións necesarias para presentar diante do Centro do Patrimonio Mundial da Unesco a proposta de inscrición da Ribeira Sacra (Lugo e Ourense) para a súa declaración como Patrimonio Mundial.
As achegas económicas dos asinantes do convenio, así como, no seu caso, das institucións e entidades público-privadas que se sumen a este documento, serán fixadas pola comisión mixta de execución e seguimento, e no que atinxe ás adhesións, o documento sinala que ten "carácter aberto", polo que será remitido aos gobernos autonómico e estatal para que, se o estiman oportuno, se adhiran ao mesmo. Do mesmo xeito, o convenio tamén estará aberto a posibles adhesións de máis entidades públicas ou privadas.
Para o desenvolvemento das actividades do convenio establecerase unha Comisión Mixta de Execución e Seguimento, integrada por representantes de cada unha das entidades asinantes do convenio, á que corresponderá a concreción, execución, seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do convenio.
As funcións da Comisión de seguimento serán o cumprimento do convenio; concretar, seguir, interpretar e avaliar as accións derivadas do mesmo, así como adoptar ou propoñer as medidas necesarias para garantir o exercicio coordinado das competencias de cada unha das partes.
Este convenio supón, en palabras de Manuel Baltar "un paso máis cara o obxectivo marcado de acadar a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco para a Ribeira Sacra, e a fortaleza do proxecto está na unión, na cooperación entre institucións e entidades e no traballo conxunto que entre todos fagamos para lograr este obxectivo".
Afirma o presidente provincial que este traballo "desenvolverase nos ámbitos institucionais, científico e medioambiental, tantos nos aspectos técnicos como políticos e de relacións institucionais, para destacar a singularidade desta fermosa contorna de Galicia, que conta con grandes fortalezas e oportunidades dende os puntos de vista natural, turístico, económico, histórico e cultural".