O novo balneario de Partovia reforza o liderado termal da provincia de Ourense
- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou hoxe xunto ao titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, na inauguración das novas instalacións balnearias, "coas que o termalismo en Partovia pasa do século XVIII ao XXI, unindo historia, innovación e modernidade".
Ourense, 7 de abril de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, participou hoxe na inauguración das novas instalacións do balneario de Caldas de Partovia, no Caballiño, unha infraestrutura termal na que se investiron 3,5 millóns de euros e que supón o sétimo establecemento balneario da provincia, o que reforza o liderado termal de Ourense. O balneario, propiedade da familia Garriga, está situado a dous quilómetros da vila do Carballiño, no recinto que ocupaba o antigo balneario do ano 1842, cuxas augas, que manan a 37 graos centígrados, foron declaradas de utilidade pública en 1929.
Tralo percorrido polas instalacións -que contan con pìscina dinámica, canle de fleboterapia, baños medicinais e de hidromasaxe e salas de masaxe nos seus case dous mil metros cadrados de superficie construída-, Manuel Baltar dixo que con esta nova infraestrutura balnearia Partovia pasa do século XVIII ao século XXI, unido historia, tradición termal, innovación e modernidade".
O presidente do goberno provincial destacou que con esta obra "a familia Garriga fai realidade un soño, aquí, no Carballiño, vila termal por excelencia de Galicia". "Non hai mellor fío musical que escoitar como flúe a auga termal neste balneario", expresou Baltar, afirmando que esta iniciativa "supón ter visión e seguir posicionando a Ourense". Manuel Baltar tivo tamén palabras de recoñecemento para o doutor Luis Rodríguez Míguez, destacando as súas achegas nos ámbitos da investigación e promoción do termalismo contemporáneo, de quen lembrou que a Deputación de Ourense continúa a realizar os trámites "para concederlle, a título póstumo, a Medalla de Ouro da provincia de Ourense".
O presidente provincial afirmou que a cooperación entre Deputación de Ourense e Xunta de Galicia "fai posible que sigamos desenvolvendo o Plan "Ourense, a provincia termal", o cal se atopa nestes momentos executado ao 50 %" e avanzou que a Deputación de Ourense levará a cabo a construción dun paseo termal que unirá os tres grandes centros termais do Carballiño: o Gran Balneario, Caldas de Partovia e o Bañino de Arcos.
Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo destacou a importancia de colaborar entre a iniciativa privada e a pública, e dixo que instalacións como esta "xeran valor e emprego e apostan polo Carballiño, por Ourense e por Galicia". O presidente da Xunta subliñou que a provincia de Ourense "é o territorio europeo con maior riqueza termal, e as instalacións modélicas deste balneario de Caldas de Partovia son boa proba diso, para coidar do corpo e da mente co termalismo como canle, un termalismo que a partires do 2019 tamén será de "alta velocidade".
Por parte da familia propietaria do establecemento, Jesús Garriga dixo que este é "o resultado dun traballo incansable de 50 anos", e a agradeceu á Deputación de Ourense e da Xunta "o apoio para que puidese chegar este momento".
O alcalde do Carballiño remarcou o carácter "vangardista e innovador das novas instalacións", cuxa augas minero-medicinais están consideradas entre as mellores de España, definíndose como mesotermais (37º), sulfuradosódicas, cloruradas, bicarbonatadas e de mineralización moi débil.