O novo Centro Interxeracional de Ourense albergará unha escola infantil e un centro de día para maiores
Ourense, 12 de marzo de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, as instalacións do novo Centro Interxeracional de Ourense que albergará unha escola infantil e un centro de día para maiores. Este novo centro, que nace da man da Fundación Amancio Ortega, ten vocación de converterse nun foro de intercambio de experiencias entre maiores e pequenos, afirmou o presidente da Xunta durante un percorrido por estas novas instalacións.
O presidente do Goberno galego salientou as 80 novas prazas para maiores das que dispón este centro e tamén explicou que as 82 prazas da escola infantil de 0 a 3 anos contribuirán a que Galicia supere o curso que vén o limiar das 24.000 prazas de escolas infantís sostidas con fondos públicos. Ademais, subliñou que isto supón acadar unha ratio de cobertura do 41,3%, máis de 10 puntos por riba do óptimo considerado pola Unión Europea. "É dicir, 832 prazas financiadas con fondos públicos estarán á disposición da cidade de Ourense no próximo curso", aseverou, destacando que trala entrada en funcionamento desta escola infantil, a ratio de cobertura de Ourense ascenderá ao 36%.
O presidente da Xunta lembrou que xa está aberto o prazo de matrícula en tódalas escolas infantís da rede pública, polo que as familias galegas xa poden acceder ao incremento na oferta pública de prazas.