O novo Mapa de Emerxencias situará á Ourense entre as provincias mellor atendidas de España neste servizo
- O Mapa complétase coa incorporación dos bombeiros da capital para que presten servizo aos municipios limítrofes. Os cidadáns terán un servicio de emerxencias cun tempo de resposta de 20 minutos.
- A comarcalización do parque de bombeiros de Ourense prestaría servizo a máis de 150.000 persoas e beneficiaría a 15 concellos, incluída a propia capital.
- Na reunión celebrada hoxe en Santiago, Deputación de Ourense, Concello e Xunta acordaron o novo Mapa Provincial de Emerxencias, consecuencia do acordo plenario aprobado na Deputación de Ourense.
Ourense, 16 de febreiro de 2018.- A provincia de Ourense converterase nunha das mellores atendidas no ámbito das emerxencias en España. Iso será posible grazas ao novo Mapa Provincial de Emerxencias, que se completa coa incorporación dos bombeiros da capital ourensá para que presten servizo aos municipios limítrofes. Desta maneira, os cidadáns terán a partir de 2019 un servizo profesional de emerxencias cun tempo de resposta de 20 minutos.
Na reunión celebrada hoxe en Santiago entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acordouse o novo Mapa Provincial de Emerxencias, que é consecuencia do acordo plenario aprobado na Deputación de Ourense a prol da comarcalización dos bombeiros de Ourense.
Manuel Baltar afirma que se trata de optimizar recursos públicos e non duplicar servizos no mesmo territorio, e converter á provincia de Ourense na mellor atendida no ámbito das emerxencias en España". Desta maneira, valora o presidente do goberno provincial, "o Mapa Provincial de Emerxencias se ve completado, sendo o seu obxectivo que todos os ourensáns teñan un servizo profesional de emerxencias a menos de vinte minutos". Baltar considera que a xestión das emerxencias "é unha cuestión clave" e neste sentido lembrou que "o recentemente constituído Consorcio Provincial xa ten creado o Parque do Carballiño e agora avanza cara este novo servizo", e celebrou "a colaboración e cooperación acadada para evitar duplicidades e ofrecer un mellor servizo aos cidadáns".
A reunión de hoxe é a continuación do encontro celebrado por Manuel Baltar e Alfonso Rueda no Pazo Provincial días pasados, no que Xunta e Deputación de Ourense acordaron avanzar na comarcalización das emerxencias, ofrecendo ao Concello de Ourense unha cantidade económica (o 50 %) para que os bombeiros da capital ourensá realicen saídas aos concellos limítrofes.
A comarcalización do parque de bombeiros de Ourense prestaría servizo a máis de 150.000 persoas e beneficiaría a 15 concellos, incluída a propia capital. Nove deles recibirían atención directa (Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, Paderne de Allariz, A Peroxa, Taboadela, Toén e Vilamarín) e, nunha primeira estimación, outros seis terían servizo de xeito complementario (Esgos, Maceda, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas).