O Obradoiro de Instrumentos da Deputación clausura o curso coa entrega de 32 diplomas
Ourense, 6 de xullo de 2021.- O Obradoiro de Instrumentos da Deputación de Ourense clausurou esta tarde o presente curso coa entrega de diplomas aos 32 alumnos e alumnas que remataron a súa formación, acto ao que asistiron o vicepresidente da Deputación César Fernández, o director do obradoiro, Manuel Brañas, e o profesor Carlos Castro.
César Fernández expresou os seus parabéns ao alumnado "que con este diploma acreditades a vosa experiencia na construción de instrumentos de música tradicional", ao tempo que destacou o traballo de Manuel Brañas e Carlos Castro "por manter vivo co voso labor a chama da música na provincia".
Trala entrega de diplomas, o músico Pancho Álvarez, tamén alumno deste curso, ofreceu un concerto didáctico titulado "Cordas históricas", no que interpretou cantigas medievais, música popular e outras composicións de corte tradicional.