O Obradoiro de xogos tradicionais achega a máis de 1.200 nenos da provincia a cultura etnográfica de Ourense
Nesta iniciativa da Deputación de Ourense participan nenos de entre 8 e 14 anos de 44 centros educativos pertencentes a 30 concellos. Nas sete edicións anteriores foron máis de 6.000 os nenos que gozaron destas actividades populares lúdicas e socializadoras.
A Deputación de Ourense pon en marcha a VIII edición do "Obradoiro de xogos tradicionais", unha iniciativa que este ano achegará a máis de 1.200 nenos da provincia de Ourense a cultura etnográfica do noso lecer, "que forma parte das tradicións lúdicas e socializadoras que hai que seguir mantendo porque é o noso maior tesouro inmaterial", como o definiu o presidente provincial, Manuel Baltar, na presentación hoxe, no Pazo Provincial, desta actividade.
Xunto con Mariló Fernández Senra, directora do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo", Baltar explicou que este obradoiro -enmarcado na área de Benestar do Plan OURENSE 92-, "potencia as actividades que a institución provincial está a desenvolver no ámbito da infancia, as cales, neste caso, contribúen a revalorizar o noso patrimonio etnográfico". Manuel Baltar agradeceu o traballo que tanto a directora do Centro de Cultural Popular como o equipo que traballa nas propostas pedagóxicas fan a prol da conservación das nosas tradicións, e lembrou que actividades como a revista e a Romaría "Raigame", "son un referente no eido da etonografía e a traza da Deputación de Ourense no que atinxe á recuperación e potenciación das nosas tradicións culturais e sociais".
Pola súa banda, Mariló Fernández Senra explicou que no curso 2012-2013 participarán no Obradoiro máis de 1.200 nenos pertencentes a 44 centros educativos pertencentes á capital e outros 29 concellos da provincia de Ourense. A cifra global dos nenos que teñen participado nesta iniciativa desde o seu comezo, hai oito anos, supera os 6.000, e supón unha das actividades infantís máis demandadas polos centros educativos, e que está dirixida a nenos de entre 8 e 14 anos.
Mariló Fernández Senra afirma que con este proxecto "non pretendemos volver ao pasado, senón traer ao presente as nosas tradicións para entender mellor a nosa historia e poñer en valor o noso".
Os diferentes xogos que se propoñen no obradoiro van dende a billarda aos zancos, pasando por xogos bailados, a chave, a rá, os bolos, as tabas ou os xogos de ritmo, entre outros. Todo o material necesario para a realización do obradoiro facilítano o CCP Xaquín Lorenzo e a Deputación de Ourense.
Asemade, a Deputación de Ourense preparou un programa específico de xogos tradicionais para o Nadal, que a institución provincial realizará en colaboración con seis concellos da provincia, para que os nenos poidan gozar, tamén no seu tempo de lecer durante as vacacións, de actividades lúdicas populares e tradicionais.
Pola súa banda, as propostas pedagóxicas, recollidas nos manuais que edita a Deputación de Ourense, abranguen un importante material didáctico para o traballo cos nenos nos centros educativos, material que recolle actividades relacionadas co "Ciclo festivo anual", "A música e os instrumentos populares", "A arquitectura popular", "Os xogos populares" e "Os traballos agrícolas".