O OUFF presenta o libro Marcas na paisaxe, unha reflexión sobre o que é o cine galego
- Trátase dun compendio de artigos elaborados por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela.
Ourense, 30 de novembro de 2018.- Baixo o título Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega, varios investigadores da Universidade de Santiago de Compostela elaboran unha análise do cine en lingua galega. O libro, publicado pola editorial Galaxia, forma parte das publicacións sobre cine que o Ourense Film Festival (OUFF) quere recuperar nesta 23ª edición. Trátase dun dos libros máis recentes sobre "as historias do cine galego", que busca "reavivar un debate sobre que é o cine galego", segundo explicou está mañá en rolda de prensa unha das autoras da publicación, Marta Pérez, presentada polo xornalista Xosé Manuel Rodríguez.
Marcas na paisaxe é o primeiro volume dunha nova colección chamada "Pantallas de Galaxia", na que os autores levan traballando varios anos e que está coordinado pola escritora e xornalista Margarita Ledo Andión. Nas súas páxinas fálase do cine galego en torno a tres temas: a terra, a inmigración e a lingua. A publicación de Marcas na pasaxe neste 2018 enmárcase en dúas efemérides: os cincuenta anos de 1968 como animador do cine militante, e a declaración de 2018 como "Ano europeo do Patrimonio Cultural, Material, Inmaterial e Dixital".