O papel das deputacións no equilibro territorial, tema central da IV conferencia de presidentes de gobernos provinciais
- Neste cumio, impulsado en 2014 por Manuel Baltar, que se celebra en Granada, os representantes provinciais debateron sobre a asistencia técnica, económica e xurídica dos entes provinciais relativa ás accións contra a exclusión financeira ou derivadas da concentración urbana.
- Na conferencia, á que asistiu o vicepresidente da Deputación de Ourense e que se desenvolveu os días 14 e 15 de febreiro, aprobouse unha declaración que reafirma o papel que exercen os gobernos intermedios a prol da cohesión do territorio, asistindo aos municipios e asegurando aos cidadáns a recepción de servizos de calidade.
Ourense, 15 de febreiro de 2019.– O papel das deputacións no equilibrio territorial: entre o despoboamento rural e a concentración urbana, é o tema central da IV edición da conferencia de presidentes provinciais, cumio impulsado no ano 2014 por Manuel Baltar e que este ano se celebrou en Granada durante os días 14 e 15 de febreiro. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández asistiu a este encontro no que os representantes provinciais debateron sobre a asistencia económica, técnica e xurídica dos entes provinciais relativa ás accións contra a exclusión financeira ou derivadas da concentración urbana.
Así mesmo, no marco desta conferencia aprobouse unha declaración conxunta na que se reafirma o papel que exercen os gobernos intermedios a prol da cohesión do territorio, asistindo aos municipios e asegurando aos cidadáns a recepción de servizos de calidade. "A actividade das deputacións provinciais é un factor clave para a loita contra o despoboamento do medio rural e a garantía da igualdade de oportunidades de tódolos cidadáns, con independencia de que residan nunha zona rural ou urbana, contribuíndo, así, ao mantemento dun territorio equilibrado e sostible", expón a declaración. Así mesmo, este documento recolle o compromiso dos asinantes de "manter e reforzar a cooperación entre os Gobernos locais intermedios coa finalidade de compartir e divulgar estratexias de promoción, coñecemento e información, así como optimizar os recursos propios de cada territorio".
"Este cumio, que naceu pola iniciativa do presidente da Deputación de Ourense, converteuse nun foro de análise, debate e reflexión para os representantes dos gobernos provinciais que, de maneira conxunta, abordamos cuestións relativas aos entes provinciais en materia de financiamento, competencias e funcionamento", explicou Rosendo Fernández, quen destacou a importancia do papel dos gobernos intermedios como administración capaz de cooperar cos municipios para garantir a calidade na prestación dos servizos aos cidadáns".
A IV conferencia, organizada pola Fundación Democracia y Gobierno Local en colaboración coa Deputación de Granada, contou coa asistencia de vinte de representantes de gobernos provinciais que debateron sobre o despoboamento, "unha problemática transversal para a que resulta necesario consensuar medidas que fixen unha folla de ruta a seguir para paliar e loitar contra este reto desde os gobernos provinciais", explicou o vicepresidente da Deputación de Ourense.