O parque de Cachamuiña incorpora unha nova parcela de 17.000 metros cadrados para crear un espazo destinado á arte
• O presidente da Deputación, Manuel Baltar, o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e o secretario da Fundación Cumlaude, José Manuel Quintáns, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a entidade cultural cede para uso público uns terreos "que abren enormes posibilidades para esta zona, converténdose nun lugar moi especial para que os novos artistas ourensáns podan situar aquí as súas obras, nunha conxunción perfecta entre paisaxe e arte", destacou Baltar.
Ourense, 30 de xuño de 2021.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e o secretario da Fundación Cumlaude, José Manuel Quintáns, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a entidade cultural cede para uso público unha parcela de 17.000 metros cadrados no parque de Cachamuiña, "que nos permitirá engadir o ámbito artístico a este gran espazo de natureza, ocio e deporte na área metropolitana de Ourense", declarou o presidente provincial. Trala sinatura do convenio, ao carón do encoro, Manuel Baltar subliñou "as enormes posibilidades que se abren para esta zona coa cesión destes terreos, converténdose nun lugar moi especial para que os novos artistas ourensáns podan situar aquí as súas obras, nunha conxunción perfecta entre paisaxe e arte".
A Fundación Cumlaude, engadiu, "coa que xa temos colaborado noutras iniciativas desde a Deputación, é tamén desde hoxe un aliado máis no desenvolvemento dunha das paraxes máis impresionantes non só de Ourense, senón tamén de Galicia, na que xunto co Concello de Pereiro de Aguiar estamos a traballar para facer desta contorna unha visita obrigada para calquera persoa que se acerque a Ourense".
"O parque segue a medrar", dixo pola súa banda Luis Menor, que cualificou o acto de hoxe como "un día moi importante para o Concello de Pereiro de Aguiar e para Ourense, "xa que imos incrementar este espazo, tamén cun alto valor medioambiental, grazas á xenerosidade da fundación e coa imprescindible colaboración da Deputación, que como xestora da contorna do encoro demostra o seu compromiso por ampliar a oferta de Cachamuiña". José Manuel Quintáns, en nome da Fundación Cumlaude, agradeceu a colaboración da Deputación e do concello no que definiu como "un fito para que xunto aos esforzos realizados por esta entidade ao longo dos anos en materia de cultura tamén se engada agora o ámbito da natureza".
A parcela de 17.000 metros cadrados que desde hoxe forma parte do parque de ocio e natureza de Cachamuiña, nomeada pola fundación como "Bosque do recordo", está situada ao carón da marxe dereita do encoro e facilitará tamén a ampliación das zonas de paseo. O ámbito artístico que se abre neste espazo xa está representado por unha escultura de Toño Monteiro titulada Ouro e que con forma de esfera representa a importancia da auga para a conservación do medio.
A Deputación de Ourense desenvolve desde hai tempo un conxunto de actuacións para dar maior valor a este espazo, como o proxectado Parque da Igualdade, a instalación de equipamentos para a práctica deportiva ou a ampliación das zonas de aparcamento grazas a outro convenio asinado cos comuneiros da Chaira, ademais das vantaxes que ofrece a súa proximidade ao complexo acuático que se está a construír en Monterrei.