O Pazo de Vilamarín acolle un simulacro de rescate con drons, no curso de pilotos que coorganiza a Deputación
- O uso destas aeronaves en situacións de emerxencia, subliñou o presidente do Consorcio Provincial contra Incendios, Pablo Pérez, "ten agora máis importancia polo uso que se lle pode dar en momentos como os vividos coa vaga de lumes".
Ourense, 25 de outubro de 2017.- O presidente do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento e deputado provincial, Pablo Pérez, asistiu hoxe no Pazo de Vilamarín á primeira das tres sesións prácticas incluídas no primeiro curso oficial homologado que se imparte en España, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa empresa Aerocámaras, para pilotos de drons en situación de emerxencia.
O simulacro desta mañá consistiu na localización dunha persoa ferida nos arredores do pazo, labor que apenas levou quince minutos e que facilitou a máxima coordinación cos equipos de rescate e sanitarios. O parque comarcal de bombeiros do Carballiño e o encoro das Conchas, no Concello de Muíños, serán os escenarios das seguintes prácticas, a realizar maña xoves e o venres.
Logo da vaga de lumes acontecida a mediados deste mes, subliñou Pablo Pérez, "a aplicación desta tecnoloxía en situacións de emerxencia ten se cabe aínda máis importancia polo uso que se lle pode dar, por exemplo, á hora de perimetrar un incendio ou advertir da proximidade do lume a zona poboadas". A busca de persoas desaparecidas ou vítimas entre escombros de vivendas ou edificios son outras das posibilidades que ofrece o uso dos drons nas emerxencias.
Pérez destacou ademais que na sesión práctica deste venres presentarase unha aeronave híbrida, que utiliza electricidade e gasolina, "o que permitirá aumentar a autonomía de acción destes aparellos en ata catro horas".
O curso, no que participan vinte profesionais e voluntarios de emerxencias, tamén facilitará a creación no parque comarcal do Carballiño dunha unidade de pilotos especialistas en situación de emerxencia para atender a toda a provincia.