O Pazo Provincial converterase nun gran hotel balneario de referencia en toda Europa
• Manuel Baltar deu a coñecer hoxe o informe que certifica que "baixo esta edificación existe auga mineromedicinal e caudal suficiente para poñer en marcha a instalación termal que proxectamos, con 3 litros por segundo, a unha temperatura de 41,6 graos e a 172 metros de profundidade, cun contido en sales minerais e PH propio das augas termais de Ourense"
• "Tecnicamente hoxe damos o paso definitivo para que no próximo mandato e como máximo no 2027 o Pazo Provincial sexa o gran hotel balneario de Ourense, cunha categoría mínima de cinco estrelas e xestionado por unha empresa líder con solvencia nacional e internacional", dixo o presidente provincial, anunciando a próxima presentación do anteproxecto dunhas instalacións "que se diferenciarán doutros grandes balnearios europeos ao estar no centro da cidade, a escasa distancia doutro referente termal como As Burgas, a poucos metros da zona comercial da cidade e co complemento dunha boa comunicación trala chegada do AVE"
Ourense, 12 de agosto de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou hoxe que "o Pazo Provincial converterase nun gran hotel balneario de referencia en toda Europa e o punto de partida dunha nova etapa de dinamización económica, pero tamén para o posicionamento de Ourense no ámbito termal internacional". No patio interior da Deputación, onde durante os últimos meses se estivo a realizar unha captación termal protexida, Baltar deu a coñecer o informe que certifica que "baixo esta edificación existe auga mineromedicinal e caudal suficiente para poñer en marcha a instalación termal que proxectamos".
Os resultados destes traballos, explicou, "indican a existencia dun acuífero termal cun caudal de 3 litros por segundo, a unha temperatura de 41,6 graos e a 172 metros de profundidade, cun contido en sales minerais e PH propio das augas termais de Ourense". O informe mesmo engade que o gradiente térmico quintuplica os valores propios desta área termal, obtendo ata 14 graos de temperatura máis por cada cen metros que se profunden.
O presidente provincial detallou os seguintes pasos técnicos e administrativos que se seguirán, como son a caracterización dos parámetros hidroxeolóxicos do acuífero, a definición das características físico-químicas da auga, a posta en marcha dun expediente para a declaración de augas mineromedicinais diante da administración autonómica, que é a que ten as competencias, e a realización de bombeos mensuais durante un ano para comprobar todos os parámetros. "Unha vez acreditados todos estes pasos -anunciou- procederemos a solicitar o aproveitamento termal deste afloramento, froito dun rigoroso traballo que permite concluír que se poden facer exploracións termais na cidade sen afectar á sostibilidade do xacemento no seu conxunto". Neste contexto recoñeceu o labor e a metodoloxía empregada cunhas esixentes medidas de seguridade por parte da empresa Xeoaquis, cuxo director do proxectos, José Ángel Cid, tamén estaba presente, así como por parte dos técnicos da Deputación e a coordinación coa xefatura territorial de Minas da Xunta.
"Tecnicamente hoxe damos o paso definitivo para que no próximo mandato e como máximo no 2027 o Pazo Provincial sexa o gran hotel balneario de Ourense, cunha categoría mínima de cinco estrelas e xestionado por unha empresa líder no sector e solvencia nacional e internacional", dixo Manuel Baltar, que tamén anunciou a presentación en próximas datas do anteproxecto das instalacións "que inclúen neste mesmo patio unha gran piscina termal romana absolutamente innovadora". Baixo as premisas da anticipación e da planificación, engadiu "estamos a manter conversas con xestores hoteleiros especializados no ámbito termal e inversores con cadeas nas principais capitais do mundo, para facer realidade un gran hotel se diferenciará dos outros grandes balnearios europeos ao estar no centro da cidade, a escasa distancia doutro referente termal como As Burgas, a poucos metros da zona comercial da cidade e, sobre todo, co complemento dunha boa comunicación trala chegada do AVE".
Manuel Baltar destacou que como presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA) "coñezo ben o desenvolvemento e os emblemas termais de cada unha das 51 cidades de 18 nacións que forman parte desta entidade, e o efecto dinamizador que estas infraestruturas teñen para atraer novas iniciativas. Así, puxo como exemplo a localidade de Bath, no Reino Unido, "unha das cidades fundadoras da asociación, que con orixe romano e a pouco máis de dúas horas de Londres por tren recibiu o pulo definitivo cando un grupo internacional decidiu poñer en marcha un balneario, ao que seguiron outros establecementos e máis tarde unha importante actividade comercial, sendo hoxe, despois de Londres, é cidade británica con maior capacidade hoteleira".
A Deputación, concluíu Baltar, "pon a disposición de Ourense a súa sede, facendo unha achega ao desenvolvemento do termalismo na provincia que ata agora ninguén fixera, pois ata hoxe nunca se escollera unha parcela na que situar unha gran instalación termal da que poideran presumir os ourensáns".