O pleno da Deputación aproba a creación dos servizos de xestión de residuos de obras e industriais non perigosos

Compartir

Ourense. 26 de setembro de 2014.- O pleno da Corporación Provincial aprobou hoxe a creación do servizo supramunicipal de recollida e tratamento de residuos de obras de construción e demolición, e do servizo público supramunicipal de xestión de residuos industriais non perigosos e especiais. A planta de tratamento de residuos da construción e demolición (rcd's) na comarca da Limia está localizada entre os núcleos rurais de Morgade e A Pena, no Concello de Xinzo de Limia. A actividade para desenvolver nas instalacións é a de tratamento e xestión de residuos da construción e demolición, e permite a clasificación e reciclado de rcd's mesturados, procedentes tanto da demolición de edificios completos, sen clasificación en orixe, como de entullos xerados en obras menores.

O réxime xurídico do servizo será o determinado pola lexislación sectorial de residuos aplicable, sen prexuízo da posibilidade de que a Deputación de Ourense poida establecer unha ordenanza reguladora daqueles aspectos de detalle que se consideren necesarios. Asemade, acórdase que o modo de xestión do servizo sexa a xestión indirecta, mediante contrato de xestión de servizo público previsto no texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Polo que atinxe ao servizo de xestión de residuos industriais non perigosos e especiais do "Centro Verde", a súa posta en marcha para atender ás empresas situadas no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, no parque empresarial de Pereiro e no polígono industrial Barreiros, xorde polo feito de intentar promover unha xestión conxunta dos residuos de carácter industrial e reducir os custos de escala que se derivan dunha ineficaz xestión individualizada. Este aforro derívase, por un lado, da busca de mellores prezos de mercados que poidan ofertar os xestores de residuos, polo feito de asegurarlles a través deste servizo maiores volumes de entrega de residuos. E por outro, da redución de custes para o xestor, procedentes da centralización de recollida de todos os residuos nun único punto, o Centro Verde de San Cibrao das Viñas.

Con este "Servizo provincial de xestión integral de residuos industriais especiais do Centro Verde", preténdese ofertar dúas opcións ben diferenciadas, ás que poderán acollerse as empresas a cada unha delas por separado ou ben ás dúas de forma conxunta.

O réxime xurídico do servizo será o determinado pola lexislación sectorial de residuos aplicable, sen prexuízo da posibilidade de que a Deputación de Ourense poida establecer unha ordenanza reguladora daqueles aspectos de detalle que se consideren necesarios. Asemade, acórdase que o modo de xestión do servizo sexa a xestión indirecta, mediante contrato de xestión de servizo público previsto no Texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Outros acordos plenarios:

MODIFICACIÓN DAS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PROVINCIAL BENOURENSE DE ASISTENCIA TÉCNICA, ECONÓMICA E XURÍDICA AOS CONCELLOS DA PROVINCIA EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS PARA O EXERCICIO 2014

Acordo:

1º) Modificar as bases reguladoras do Programa Provincial BenOurense de Asistencia Técnica, Económica e Xurídicas aos concellos da provincia en materia de servizos sociais comunitarios para o exercicio 2014, engadindo, nas bases xerais, unha nova base, denominada G, co contido seguinte:

G) O crédito orzamentario correspondente á acción 1, na contía remanente que resulte da falla de xustificación de gastos desa acción, quedará automaticamente asignado á acción 2, incrementando a contía subvencionada por unidade de convivencia no importe que resulte.

2º) Someter a información pública, por prazo de dez días hábiles e mediante anuncio no BOP, esta modificación, advertindo que, en caso de non formularse alegación no dito prazo, quedará automaticamente aprobada de xeito definitivo. En caso de formularse alegacións, estas serán resoltas polo Pleno.

 

ELECCIÓN DE REPRESENTANTES DA DEPUTACIÓN NO CONSELLO REITOR DO PADROADO PROVINCIAL DE TURISMO

Acordo:

- Designar como representantes da Deputación no Consello Reitor do Padroado Provincial de Turismo, aos seguintes deputados:

a) Polo Grupo Provincial Socialista: D.ª Mónica Vázquez Blanco.

b) Polo Grupo Provincial do BNG: D. Xaime Óscar Iglesias Pérez

 

APROBACIÓN DA MOCIÓN PARA SOLICITAR O REXISTRO DA DEPUTACIÓN NO DOMINIO .GAL

Acordo:

1.- Instar ao grupo de goberno desta Corporación para que rexistre e active o seu enderezo .gal nos prazos estabelecidos pola asociación que xestiona o dominio galego.

2.- Instar ao executivo provincial para que estabeleza un plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións da provincia co obxecto de que comecen a mudar as súas páxinas web cara ao .gal, incluíndo o preceptivo asesoramento para a migración de todos estes enderezos cara a este novo dominio que nos identifica como país.

3.- Instar ao goberno provincial co fin de que xestione unha liña extraordinaria de axudas destinadas ás entidades e asociacións para facerlle fronte á tarifa da Asociación PuntoGal.

 

MODIFICACIÓN DOS CRÉDITOS ORZAMENTARIOS E DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO DO EXERCICIO 2014 MEDIANTE SUPLEMENTOS DE CRÉDITOS N.º 5/2014

Acordo:

Aprobar a modificación de créditos do expediente, 5/2014.

 

APROBACIÓN DA EXPROPIACIÓN FORZOSA PARA A EXECUCIÓN DA OBRA DE MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL "OU-0701 CABALAR-VILARIÑO DE CONSO, TREITO O MOURO-MANZANEDA", NO MUNICIPIO DA POBRA DE TRIVES

Acordo:

Aprobar o proxecto técnico da obra de mellora da estrada provincial "OU-0701 Cabalar-Vilariño de Conso, treito O Mouro-Manzaneda, no municipio da Pobra de Trives, así como o anexo de expropiacións, no que se inclúe o plano parcelario e a relación de bens afectados.

Ter por declarada a utilidade pública das obras mencionadas, de conformidade co disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Acordar definitivamente a necesidade de ocupación dos terreos incluídos na relación de bens e dereitos afectados pola expropiación.

Notificarlles este acordo aos interesados, de conformidade coa lexislación vixente

 

CONVENIO CON AGADER PARA O PROGRAMA DE MELLORA DE CAMIÑOS MUNICIPAIS 2014-2015

Acordo:

Aprobar definitivamente a subscrición dun convenio de cooperación entre esta Deputación Provincial e a Consellería do Medio Rural e do Mar, para financiar as actuacións do Plan marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, cofinanciados con FEADER no marco do PDR de Galicia 2007-2013, conforme co texto remitido por AGADER a esta Deputación o 6 de agosto de 2014, número de rexistro de entrada 19.663.

Asumir o compromiso de incluír no orzamento da Deputación Provincial para o exercicio 2015, o crédito adecuado e suficiente para a atención das obrigas correspondentes ás ditas anualidades, previstas na cláusula segunda do convenio.

A subvención nominativa concedida a AGADER a través do dito convenio deberá xustificarse conforme co previsto na normativa de subvencións vixente e, en particular, conforme coas previsións da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación Provincial de Ourense.

 

MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2014, RELATIVA ÁS OBRAS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE BALTAR

Acordo:

Modificar o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2014 relativa ás obras municipais do concello de Baltar, incorporando ó plan principal –en substitución da obra denominada "Construción de nave municipal fase 1" que pasa ó plan complementario- a obra denominada "Arranxo, pavimento e reparación de espazos públicos" cun orzamento de execución de 50.000,00 €.

 

APROBACIÓN DA MOCIÓN A RESPECTO DA SITUACIÓN DO SECTOR DO VIÑO EN OURENSE

Acordo:

Instar á Xunta de Galiza á reunir a Mesa do Viño coa participación de todos os axentes que interveñen no sector e coa intermediación da administración coa finalidade de analizar a situación do sector e de acadar acordos que garantan relacións contractuais igualitarias entre produtores e industria, nos que se establezan garantías de recollida e de prezos mínimos pola uva.

Establecer medidas de financiamento público para adiantar liquidez ás industrias que subscriban contratos homologados cos produtores para que poidan cobrar a produción antes da finalización do ano natural sen que estes adiantos sexan garantidos a conta do produtor.

Que todas as axudas públicas ás que concorran as industrias teñan en conta á hora da súa resolución que estas subscriban contratos cos seus provedores de materia prima.

 

APROBACIÓN DA MOCIÓN SOBRE A CREACION DUN PLAN DE TRATAMENTO DE PURÍN NA PROVINCIA DE OURENSE

Elaborar un Plan de tratamento de puríns para a provincia de Ourense por parte da Deputación Provincial.

Solicitar o Goberno da Xunta de Galicia que habilite partida orzamentaria para levar a cabo as instalacións oportunas para xestionar os xurros, dado que nin as terras, nin augas son capaces de soportar mais niveis de agresión.