O pleno da Deputación de Ourense acorda esixir a dimisión de Rodríguez Villarino

Compartir

 

  • O acordo plenario sinala que o motivo son os "seus ataques a autónomos e Pemes da provincia de Ourense"; e tamén se pide o cese do subdelegado do goberno en Ourense "pola súa falta de transparencia e actuacións viciadas de partidismo".

  • No ámbito cultural, o pleno acordou iniciar o expediente para o outorgamento do título honorífico de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense ao escultor Manuel Buciños; e no apartado social, acordouse instar á Consellería de Política Social para que posibilite a apertura dos centros ocupacionais da provincia de Ourense.

Ourense, 26 de xuño de 2020.- O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe, na sesión ordinaria correspondente ao mes de xuño, esixir a dimisión do portavoz socialista na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, debido "aos seus ataques a autónomos e Pemes da provincia de Ourense", sinala o acordo, no que tamén se pide o cese do subdelegado do goberno en Ourense "pola súa falta de transparencia e actuacións viciadas de partidismo".

En concreto, o texto do acordo recolle: "Esixir a dimisión como deputado provincial e como concelleiro no Concello de Ourense do portavoz do Grupo Socialista, Rafael Rodríguez Villarino, xa reprobado por este pleno en decembro de 2019, pola súa actitude destrutiva, especialmente contra os autónomos e Pemes da provincia de Ourense; e solicitarlle ao Goberno de España o cese do subdelegado do Goberno en Ourense pola súa falla de transparencia e ocultación de documentación no expediente que cuestiona as axudas a autónomos e Pemes, aprobadas polo pleno desta Deputación Provincial".

O acordo recolle que se dea traslado do mesmo ao presidente do Goberno de España; aos alcaldes de todos os concellos da provincia de Ourense; ao presidente da FEMP; ao presidente da FEGAMP; aos presidentes das confederacións empresariais de España, de Galicia e de Ourense; aos presidentes das organizacións de autónomos de ámbito nacional, autonómico e provincial; e a todas as asociacións empresariais de Ourense, tanto a nivel provincial comarcal, como local de calquera dos 92 concellos de Ourense.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

CAMBIO DE TITULARIDADE DAS ESTRADAS OU-211 E OU-400

Acordo:

Primeiro: Dar a conformidade da Deputación de Ourense ao cambio de titularidade a prol desta administración provincial das seguintes estradas (expediente núm. 2020/2954H):

CLAVE

AUTONÓMICA

 

DENOMINACIÓN

LONX.

CLASIF.

TÉCNICA

 

CLASIF.

FUNCIONAL

 

OU-211

Val de Pereira (N-120) –

O Coedo (OU-504)

 

5,46

Estrada

convencional

 

Local

 

0U-400

Ramirás (OU-531) –

Mosteiro Ramirás (OU-

531) Mosteiro

 

3,61

Estrada

convencional

 

Local

 

A citada conformidade condiciónase a que a Xunta de Galicia, de forma simultánea, amose a súa conformidade e aprobe o cambio de titularidade a prol da administración autonómica da seguinte estrada que se describe, logo da petición formulada por esta Deputación Provincial na data 15.05.2019 (expediente núm. 2019/5025J):

CLAVE

PROVINCIAL

 

DENOMINACIÓN

LONX.

CLASIF.

TÉCNICA

 

CLASIF.

FUNCIONAL

 

OU-0804

OU-0804 Alto de Covelo

– A Veiga

 

11,52

Estrada

convencional

 

Local

 

Segundo: De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación do Decreto da Xunta de Galicia no DOG. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre as administracións intervenientes. Terceiro: Logo da tramitación de ámbolos dous cambios de titularidade, e en aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír os cambios de titularidade aos que se refire o presente acordo.

EXPEDIENTE PARA NOMEAR FILLO ADOPTIVO DA PROVINCIA A BUCIÑOS

Acordo:

1º.- Ratificar a incoación do expediente para o outorgamento do título honorífico de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense ao insigne escultor don Manuel García de Buciños Vázquez.

2º.- Designar ao deputado provincial e vicepresidente primeiro don Rosendo Fernández Fernández como instrutor do expediente, conforme co que dispón o capítulo III do Regulamento de Honores e Distincións da Deputación de Ourense. O deputado instrutor actuará asistido polo asesor de presidencia don Aurelio Gómez Villar, que actuará como secretario do expediente.

APERTURA DOS CENTROS OCUPACIONAIS

Acordo:

- Instar á Consellería de Política Social e Sanidade e á Xunta de Galicia para que posibilite a apertura dos centros ocupacionais da provincia de Ourense, nomeadamente a Asociación Limisi de Xinzo de Limia, coa flexibilidade de avanzar a pequenos grupos (se a situación o permite) cumprindo coas medidas de distanciamento, prevención e hixiene.

RESPONSABILIDADES PROPIAS DOS CARGOS PÚBLICOS

Acordo:

1º.- Que coa máxima urxencia e habilitando os protocolos preventivos que procedan debido á crise sanitaria provocada polo COVID 19, se artellen os mecanismos para acadar unha mellor atención aos cidadáns por parte da Administración Xeral do Estado en Galicia nos departamentos das súas competencias tal como a Tesourería da Seguridade Social, o SEPE ou o Servizo de Estranxeiría.

2º.- Que tamén con carácter urxente a Xunta de Galicia, en correspondencia coas competencias que lle corresponden estatutariamente e no ámbito da lexislación que regula o marco de fondos COVID 19, proceda á apertura dos centros de día e centros ocupacionais, tanto públicos como privados, cos protocolos necesarios para minimizar o risco de contaxio, dada a imposibilidade de afrontar en soidade esta situación por parte das familias e o impacto negativo que a situación de peche está a provocar tanto nas familias como nos aspectos físicos e cognitivos dos/das usuarios/as.

3º.- Así mesmo, que a Xunta de Galicia proceda a artellar os medios para a apertura das escolas infantís e de cara a setembro dos centros públicos de ensino como xeito de garantir a conciliación familiar e laboral e tamén de manter un marco formativo estable e garantido para todo o alumnado en situación de equidade.

ESIXIR A DIMISIÓN DO DEPUTADO RODRÍGUEZ VILLARINO E O CESE DO SUBDELEGADO DO GOBERNO

Acordo:

1º.- Esixir a dimisión como deputado provincial e como concelleiro no Concello de Ourense do portavoz do Grupo Socialista, Rafael Rodríguez Villarino, xa reprobado por este pleno en decembro de 2019, pola súa actitude destrutiva, especialmente contra os autónomos e PEMES da provincia de Ourense.

2º.- Solicitarlle ao Goberno de España o cese do subdelegado do goberno en Ourense pola súa falla de transparencia e ocultación de documentación no expediente que cuestiona as axudas a autónomos e PEMES, aprobadas polo pleno desta Deputación Provincial.

3º.- Darlles traslado deste acordo ao presidente do Goberno de España; aos alcaldes e alcaldesas de todos os concellos da provincia de Ourense; ao presidente da FEMP; ao presidente da FEGAMP; aos presidentes/as das confederacións empresariais de España, de Galicia e de Ourense; aos/ás presidentes/as das organizacións de autónomos a nivel nacional, autonómico e provincial; a todas as asociacións empresariais de Ourense, tanto a nivel provincial comarcal, como local de calquera dos 92 concellos de Ourense.