O pleno da Deputación de Ourense aproba crear unha comisión de incendios forestais, e impulsar medidas para coordinar, informar e cooperar cos concellos neste ámbito

Compartir

  • Na sesión plenaria de hoxe aprobouse tamén o Programa provincial de cooperación cos concellos para a limpeza das marxes das redes viarias en 2018, e o Programa en materia de mocidade para os concellos de menos de 20.000 habitantes e a entidade local menor de Berán.

  • A corporación provincial gardou un minuto de silencio en homenaxe ás vítimas da vaga de lume sufrida días pasados.

Ourense, 27 de outubro de 2017.- O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria de hoxe, correspondente ao mes de outubro, celebrada no Pazo Provincial, a constitución dunha Comisión especial informativa e permanente de "Incendios Forestais e Emerxencias", na que estean representados todos os grupos políticos en proporción idéntica ás xa existentes, que terá como atribucións debater sobre protocolos para a defensa do noso territorio; a participación, se así se require, en calidade expertos, de representantes do goberno autonómico, do Goberno central ou calquera persoa ou entidade vinculada ao sector, para coordinar información e plans de actuación; propoñer a modificación das normativas que actualicen a lexislación para responder ás necesidades da provincia, e outras cuestións que merezan o pronunciamento da comisión, ben directamente ou para a súa proposta en pleno, no ámbito dos incendios forestais e das emerxencias.

Este acordo plenario permitirá impulsar tamén un sistema de información cidadá en dispositivos móbiles -coa posta a disposición por parte das administracións públicas con competencias dos datos que poidan facilitarse- para coñecer en tempo real a existencia de lumes activos, a súa localización, o nivel destes e os medios e persoal que está colaborando na súa extinción. Ademais, elaborarase un plan de cooperación para que os concellos da provincia dispoñan de plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais e os integren nos plans de emerxencia municipais, tendo en conta as normas aplicables, sinaladamente, a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais e a Lei 7/2012, de montes de Galicia, e instarse ao Goberno de España á posta en marcha dun programa de axudas para paliar os danos que a vaga de lumes provocou na provincia de Ourense, tras a valoración previa polos servizos técnicos que correspondan, ofrecendo para iso a colaboración do persoal desta Deputación de Ourense.

Do mesmo xeito, o acordo contempla instar ao Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a impulsar a inscrición de áreas queimadas de Ourense nos proxectos de compensación de CO2, a través dos cales se están a compensar emisións nos ámbitos dos proxectos Clima, e instar ás administracións autonómica e estatal á adopción de medidas urxentes e a posta en marcha de actuacións inmediatas de recuperación da nosa paisaxe e da nosa natureza para evitar a chegada de cinzas aos cursos fluviais mediante o chamado "bombardeo de sementes", así como iniciar a recollida da 5ª fracción na recollida do lixo en grandes produtores e áreas urbanas, para transformala en compost específico para a rexeneración de vexetación en áreas especialmente degradas polos incendios.

A corporación provincial gardou un minuto de silencio en homenaxe e lembranza das vítimas da vaga de lumes acontecidos días pasados en Ourense e no resto de Galicia.

Por outra banda, e tamén no ámbito da cooperación medioambiental, o pleno da Deputación aprobou as bases do Programa provincial de cooperación cos concellos para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais durante o exercicio 2018, para o cal a Deputación de Ourense estima unha contía máxima de 350.000 euros. Tamén se aprobou o Programa provincial de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes e a entidade local menor de Berán en materia de mocidade para o exercicio 2018, cuxo importe ascenderá a 549.000 euros, e que ten como obxectivo o financiamento das actividades que desenvolvan as citadas entidades a prol da mocidade no vindeiro ano.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS PARA A REALIZACIÓN DE ACTUACIÓNS DE LIMPEZA DAS MARXES DAS REDES VIARIAS MUNICIPAIS E PROVINCIAIS DURANTE O EXERCICIO 2018

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente o Programa provincial de cooperación cos concellos e mancomunidades para realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipal e provincial para o exercicio 2018.

Constitúe o obxecto destas bases a regulación do programa de cooperación cos concellos e mancomunidades para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipal e provincial no exercicio 2018.

Este programa se desenvolverá mediante a concesión de subvencións ás ditas entidades locais para o financiamento da prestación de servizos de limpeza das marxes da rede viaria local. A finalidade da subvención é colaborar economicamente cos concellos e mancomunidades no sostemento do servizo público de limpeza das marxes da rede viaria municipal (prestación que se considera incluída no servizo mínimo obrigatorio de acceso aos núcleos de poboación, recollido no artigo 26 da Lei de bases de réxime local) e no cumprimento das obrigas establecidas na lexislación galega de prevención de incendios forestais. Esta colaboración condiciónase a que por parte dos concellos e mancomunidades se realicen labores de limpeza das marxes das vías provinciais e municipais, co obxectivo último de garantir o mantemento das vías en condicións axeitadas de limpeza e seguridade, dándolle ademais cumprimento ao establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Os servizos subvencionados poderán prestarse mediante calquera modo de xestión dos previstos na lexislación de réxime local, sendo subvencionables todos os gastos correntes directos do servizo. Exclúense os gastos de investimento e os indirectos, así como os definidos como non subvencionables nos apartados 7 e 8 do artigo 31 da Lei xeral de subvencións.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas no presente Programa provincial de cooperación os concellos de menos de 20.000 habitantes e as mancomunidades integradas por estes concellos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Prestar o servizo de limpeza das marxes da rede viaria municipal e provincial cunha máquina rozadora con brazo articulado, durante, polo menos, un período mínimo de tres meses no exercicio 2018. Este período mínimo deberá comprender, en todo caso, as datas nas que a Deputación estableza a limpeza obrigatoria dun número mínimo de quilómetros da rede viaria provincial, conforme co previsto na base sétima, apartado b). Nos supostos de períodos de prestación do servizo que non comprendan meses naturais completos, para o cálculo do cumprimento do período mínimo esixible computaranse os días naturais de prestación, considerándose un mes por cada trinta días naturais.

b) Adherirse ao presente Programa de cooperación no prazo e coas formalidades recollidas na base quinta.

O financiamento das subvencións reguladas no presente Programa realizarase con cargo á aplicación 16311/46200 dos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2018, tramitándose con carácter anticipado o Programa ó abeiro do disposto no artigo 56.1 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aprobou o Regulamento da Lei xeral de subvencións. Para estes efectos, serán de aplicación as seguintes regras especiais:

1ª) A execución do Programa queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Deputación Provincial para o exercicio 2018, tendo carácter puramente estimatorio a contía total máxima prevista nas presentes bases.

2ª) A contía total máxima estimada é de 350.000,00 €.

3ª) No expediente de gasto que se tramite para a aprobación do Programa, a certificación de existencia de crédito substituirase por unha certificación relativa á concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no artigo 56.1 do RD 887/2006.

4ª) Os efectos de tódolos actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que, ó ditarse a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron eses actos.

5ª) A resolución de concesión deberá ditarse no exercicio 2018, unha vez aprobado definitivamente e publicado na forma legalmente prevista o orzamento da Deputación Provincial para o dito exercicio.

A contía das subvencións que se concedan ao abeiro deste Programa de cooperación será para o exercicio 2018 de 4.500,00 € por entidade local, con destino ao financiamento dos gastos subvencionables de prestación do servizo.

A contía poderá ser inferior nos casos en que así se solicite expresamente pola entidade local interesada.

En todo caso, a contía da subvención nunca poderá exceder do 100% dos gastos subvencionables soportados pola entidade beneficiaria, polo que se reducirá no importe correspondente para o caso de que o gasto xustificado no citado concepto sexa inferior a 4.500,00 €.

Os concellos e mancomunidades que desexen adherirse ao Programa de cooperación regulado nas presentes bases deberán facelo mediante resolución do órgano competente na que se aprobe a dita adhesión. A resolución deberá ter o contido que se recolle no anexo I destas bases, modelo que poderá utilizarse para documentar a dita resolución.

Coa solicitude deberase achegar unha declaración do solicitante da subvención na que figure o conxunto de subvencións e axudas solicitadas para o mesmo fin, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes, sexan públicas ou privadas, segundo o modelo anexo II.

A resolución de adhesión deberá presentarse no Rexistro Electrónico Xeral da Deputación, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ata o día 29 de decembro de 2017, inclusive. Non se admitirán a trámite en ningún caso nin se concederán subvencións para solicitudes presentadas con posterioridade á dita data.

A adhesión dos concellos ou mancomunidades autorizarase mediante decreto da Presidencia, no que se concederá a subvención correspondente ata un máximo de 4.500,00 euros. A resolución de autorización de adhesión deberá ditarse antes do 1 de marzo de 2018. Na dita resolución, ou ben noutra resolución posterior, concretaranse as obrigas de limpeza da rede viaria provincial ás que queda condicionada a concesión da subvención, conforme co previsto na base 7ª.

No suposto en que o número de solicitudes exceda as dispoñibilidades orzamentarias, a Presidencia concederá as subvencións por rigorosa orde de entrada no rexistro da Deputación. Para estes efectos, tomarase a data de entrada no Rexistro Xeral da Deputación da documentación íntegra de cada solicitude, e non se terá en conta a data de presentación de solicitudes incursas en deficiencias formais.

No caso de producirse remanentes con anterioridade ao 31 de marzo de 2018 pola renuncia ou perda do dereito ás subvencións por parte dalgún beneficiario, a Presidencia, sen necesidade de proceder a unha nova convocatoria, poderá acordar a concesión da subvención que proceda ao seguinte ou seguintes solicitantes, por orde de entrada no rexistro da Deputación, tal e como se establece no parágrafo anterior.

2º) Someter o programa inicialmente aprobado a información pública por prazo de dez días hábiles, mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación. Durante o dito prazo, as persoas interesadas poderán formular as alegacións e suxestións que estimen oportunas, que serán obxecto de resolución expresa polo Pleno. En caso de non formularse alegacións en prazo, o Programa considerarase automaticamente aprobado de forma definitiva, procedéndose á súa publicación no BOP e na sede electrónica da Deputación.

PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS DE MENOS DE 20.000 HABITANTES E A ENTIDADE LOCAL MENOR DE BERÁN EN MATERIA DE MOCIDADE PARA O EXERCICIO 2018

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente as bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos concellos e a entidade local menor de Berán en materia de mocidade para o exercicio 2018.

Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos e a entidade local menor de Berán en materia de mocidade para o exercicio 2018. A finalidade deste Programa é contribuír ao financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos da provincia e a entidade local menor de Berán a prol da mocidade ao longo do exercicio 2018.

Beneficiarios:

1. Poderán obter subvención no marco do programa regulado nas presentes bases os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e a entidade local menor de Berán, cando desenvolvan actividades en prol da mocidade durante o exercicio 2018.

2. Terán a consideración de gastos subvencionables todos os que, tendo este carácter conforme coa lexislación vixente en materia de subvencións, financien as anteditas actividades, sempre que fosen autorizados a partir do 1 de xaneiro de 2018.

A subvención concedida a cada concello será de 6.000,00 € e ata o 100% dos custos indisolublemente vinculados ó desenvolvemento das actividades subvencionadas. A subvención concedida á entidade local menor de Berán será de 3.000,00 € e ata o 100% dos custos indisolublemente vinculados ó desenvolvemento das actividades subvencionadas.

Non obstante, poderán concederse contías inferiores a pedimento expreso das entidades locais beneficiarias. En todo caso, será de aplicación o previsto na base 7ª en canto aos supostos de redución da contía das subvencións.

Para as subvencións incluídas na presente convocatoria existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2018, por importe global máximo de 549.000,00 €, na aplicación 46211/24111

As solicitudes, subscritas polo alcalde ou representante legal interesado, ou concelleiro no que delegue, irán dirixidas á Presidencia da Deputación Provincial, e poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. O dito prazo terá carácter improrrogable.

As solicitudes irán acompañadas dunha declaración do conxunto de axudas ou subvencións públicas solicitadas pola entidade ou que lle fosen concedidas para o financiamento das actividades para as que se solicita subvención.

2º.- Someter a trámite de información pública, mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, as bases inicialmente aprobadas polo prazo de 10 días hábiles, durante os que as entidades interesadas poderán formular as alegacións ou suxestións que consideren oportunas, que deberán ser resoltas motivadamente no acto de aprobación definitiva.

No caso de non formularse alegacións en prazo, o Programa entenderase automaticamente aprobado de forma definitiva, procedendo á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación.

VAGA DE LUMES NA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

1º- Constitución dunha nova comisión informativa especial e permanente denominada de "Incendios Forestais e Emerxencias", con representación de todos os grupos políticos en proporción idéntica ás xa existentes.

2º- Que a dita comisión de incendios forestais e emerxencias conte, entre as súas atribucións, coas seguintes:

- A exposición e debate de protocolos para a defensa do noso territorio.

- A participación, se así se require, en calidade de expertos, de representantes do goberno autonómico, do goberno central ou calquera persoa ou entidade vinculada ao sector, para coordinar información e plans de actuación.

- Propoñer a modificación das normativas que actualicen a lexislación en vigor e que respondan ás necesidades da nosa provincia.

- Calquera outras cuestións que merezan o pronunciamento da comisión, ben directamente ou para a súa proposta en pleno, no ámbito dos incendios forestais e das emerxencias.

3º- Impulsar un sistema de información cidadá que permita, coa posta a disposición por parte das administracións públicas con competencias dos datos que poidan facilitarse, en dispositivos móbiles, coñecer en tempo real a existencia de lumes activos, a súa localización, o nivel destes e os medios e persoal que está colaborando na súa extinción.

4º- Elaborar un plan de cooperación para que os concellos da provincia dispoñan de plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais e os integren nos plans de emerxencia municipais, tendo en conta as normas aplicables, sinaladamente a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais e a Lei 7/2012, de montes de Galicia.

5º- Instarlle ao Goberno de España a posta en marcha dun programa de axudas para paliar os danos que a vaga de lumes provocou na provincia de Ourense, tras a valoración previa polos servizos técnicos que correspondan, ofrecendo para iso a colaboración do persoal desta Deputación de Ourense.

6º- Instarlle ao Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a impulsar a inscrición de áreas queimadas de Ourense nos proxectos de compensación de CO2, a través dos cales se están a compensar emisións nos ámbitos dos proxectos Clima.

7º- Instarlles ás administracións autonómica e estatal á adopción de medidas urxentes e a posta en marcha de actuacións inmediatas de recuperación da nosa paisaxe e da nosa natureza para evitar a chegada de cinzas aos cursos fluviais mediante o chamado "bombardeo de sementes", e iniciar a recollida da 5ª fracción na recollida do lixo en grandes produtores e áreas urbanas, para transformala en compost específico para a rexeneración de vexetación en áreas especialmente degradas polos incendios.