O Pleno da Deputación pide conxelar, derrogar ou suspender as regras fiscais ante a complexa situación financeira das entidades locais

Compartir

Na sesión de hoxe acordouse reclamar que tanto a FEMP como a FEGAMP esixan ao Goberno central a eliminación destas regras, co fin de que se poida conseguir unha estabilidade orzamentaria e destinar os recursos existentes aos investimentos que precisan os concellos ourensáns

Na orde do día do pleno tamén figuraba a proposta de adhesión a tres convenios de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en materia de residuos de aparellos electrónicos e eléctricos, de pilas e acumuladores; e de residuos de envases domésticos de vidro dun só uso

Aprobáronse ademais senllas propostas procurar medidas preventivas e controis na calidade das augas de abastecemento nos concellos próximos ao encoro das Conchas, así como para impulsar a recuperación e o mantemento dos camiños de carro na provincia

urense, 26 de setembro de 2025.

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe unha proposta na que se insta ao Goberno central a conxelar, derrogar ou suspender as regras fiscais, tanto para a institución provincial como para os concellos, ante a complexa situación financeira pola que atravesan estas administracións, agravada na actualidade polas consecuencias dos incendios forestais deste verán.

Na sesión correspondente ao mes de setembro, acordouse reclamar que tanto a FEMP como a FEGAMP esixan ao Goberno central a eliminación destas regras fiscais, co fin de que se poida conseguir unha estabilidade orzamentaria e destinar os recursos existentes aos investimentos que precisan os concellos ourensáns.

A iniciativa vén dada pola reactivación das regras fiscais aplicables ás administracións, tras catro anos de suspensión, o que supuxo unha volta á normativa de estabilidade orzamentaria, cos seus límites de déficit, débeda e incremento anual dos orzamentos, o que impide que as entidades locais fagan uso dos recursos económicos dispoñibles para investilos en novos servizos ou proxectos.

Na orde do día do pleno tamén figuraba a proposta de adhesión a tres convenios de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en materia de residuos de aparellos electrónicos e eléctricos, de pilas e acumuladores; e de residuos de envases domésticos de vidro dun só uso. O obxectivo destes acordos é cumprir coa lexislación actual, referida á xestión de cada un destes residuos depositados nas instalacións de recollida das entidades locais.

A Corporación tamén autorizou unha modificación da base novena do Plan CooperOU, ampliando o prazo de xustificación do capítulo de investimentos ata o próximo 28 de novembro, ofrecendo así máis marxe de tempo aos concellos para rematar os seus proxectos.

Aprobouse ademais outra modificación de bases, esta relativa á execución do orzamento de 2025 e que só implica o cambio de finalidade en axudas concedidas aos concellos de San Cristovo de Cea e A Bola, así como ao Club Voolarouco. Aceptouse tamén a delegación de competencias na Deputación formulada polo Concello de Barbadás en materia de recadación e designouse ao novo deputado socialista Emilio Luis Díaz como novo representante no Consorcio provincial contra Incendios e Salvamento.

Calidade das augas e camiños históricos no rural

No pleno aprobouse ademais unha iniciativa para procurar medidas preventivas e controis na calidade das augas de abastecemento nos concellos de Bande, Lobeira, Lobios e Entrimo debido á proximidade ao encoro das Conchas.

Os deputados acordaron neste sentido instar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e á Xunta de Galicia ao cumprimento da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que se sinala a vulneración dos dereitos humanos fundamentais ante a falta de medidas e xestión que fronte á contaminación xerada por la gandería intensiva augas arriba do río Limia.

A proposta esixe tamén á CHMS, como organismo responsable de conca, que se intensifique a vixilancia e control da calidade das augas superficiais e subterráneas na zona, con protocolos específicos que teñan en conta a proximidade do encoro das Conchas e os riscos da súa contaminación crónica.

Tamén se aprobou unha proposta para a recuperación e o mantemento dos camiños de carro na provincia, que antigamente unían as aldeas entre si e servían de enlace coas principais vías públicas no rural. Neste sentido acordouse impulsar un plan de recuperación para que os concellos con este tipo de vías dispoñan de medios económicos suficientes para garantir o bo estado dos camiños.