O prego para o novo servizo de recollida de residuos da Deputación de Ourense debaterase no pleno de setembro
- O prazo para presentar alegacións amplíase ata o vindeiro 31 de xullo.
O prego de cláusulas económico-administrativas e de prescricións técnicas para a externalización do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos debaterase no pleno ordinario do mes de setembro. Así o confirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen afirmou que se amplía o prazo para formular alegacións ata o 31 de xullo.
Precisamente o pasado 12 de xullo reuniuse a Comisión Xeral de Seguimento do Convenio marco de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para a prestación, por parte da Deputación, en réxime de competencia delegada e con carácter intermunicipal, do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos nos municipios que se adhiran. Na xuntanza aprobouse a acta da anterior reunión, celebrada 4 de xullo, e tratouse a formulación das posibles alegacións ao borrador do prego de cláusulas para a externalización do servizo a través da creación dunha sociedade de capital mixto.
Aínda que non houbo ningunha alegación por parte dos representantes das unidades territoriais que comprende o convenio, o presidente da Deputación de Ourense, afirma que se amplía o prazo para a presentación de alegacións, e aínda que podería levarse ao pleno ordinario de xullo a aprobación do convenio, "decidiuse ampliar o prazo en favor da máxima transparencia e dun mellor estudo". Desta maneira, a aprobación do prego verase no pleno de setembro, "xa que isto non afecta aos prazos para que o novo modelo de xestión poida estar operativo a principios de xaneiro de 2014", explica Manuel Baltar.