O presidente da Deputación asiste á II Festa da Vendima de Monterrei, cuxa denominación de orixe obtivo unha colleita histórica

Compartir

Monterrei, 14 de outubro de 2023.- O presidente da Deputación, Luis Menor, participou hoxe na celebración da II Festa da Vendima de Monterrei, promovida polo Concello e o Consello Regulador desta denominación de orixe. Unha xornada que tamén contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mailo conselleiro de Medio Rural, acompañados polo alcalde, José Luis Suárez.

Trala inauguración, Luis Menor quixo destacar a importancia dunha festa que se celebra ao remate dunha vendima "con excelentes resultados", grazas ao labor continuo e durante todo o ano das 29 adegas que conforman esta denominación e de preto de 400 viticultores repartidos polos concellos de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val.

A II Festa da Vendima conta cun mercado con postos de produtores de artesanía alimentaria, no que se poderán mercar e degustar aceite de oliva, xeados, conservas de froitas e hortalizas, salgados e patés, sidra e produtos de pastelería e confeitería.

Ademais, os asistentes poderán desfrutar dunha feira agroalimentaria que da visibilidade aos produtos do territorio amparados baixo un selo de calidade diferenciada, e por suposto a recreación do proceso tradicional de pisado das uvas.