O presidente da Deputación, Luis Menor, pon o foco na “innovación” do termalismo, no Foro La Región

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, clausurou o Foro La Región sobre Termalismo e Saúde poñendo o foco sobre a "innovación" que caracteriza a este recurso "tan inmenso" en Ourense

Laias, 2 de decembro de 2024.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, clausurou o Foro La Región sobre Termalismo e Saúde poñendo o foco sobre a "innovación" que caracteriza a este recurso "tan inmenso" en Ourense. En concreto, Menor reparou nas novidades do ámbito de explotación como o "camiño emprendido" pola Deputación de Ourense para "atraer a atención cara as nosas augas e establecementos termais".

"A Deputación de Ourense estase a converter en todo un referente á hora de explorar novas vías no uso terapéutico do termalismo", sinalou o presidente provincial, que subliñou a "firme aposta" dende o sector público por potenciar este recurso, que sitúa a Ourense "como segunda potencia europea".

Tamén puxo en valor a "multiplicación de esforzos" a través de políticas públicas que "coiden do benestar da cidadanía e da súa saúde mental".

Menor fixo balance do programa de Termalismo Social, con cifras como as 25.000 solicitudes de axudas recibidas para estadías en balnearios; preto de 100.000 pernoctacións; máis de 200.000 técnicas termais administradas e ademais, unha contribución directa aos nosos balnearios cifrada en 7 millóns de euros.

Ademais, o presidente provincial lembrou a importancia da vertente turística, pois o 70 % dos solicitantes dos programas da Deputación de Ourense residen fóra da provincia.

"Nunha sociedade que alza a voz contra a masificación do turismo, desde Ourense podemos ofrecer unha ampla variedade de programas que se axusten ás preferencias ou necesidades das persoas, nun entorno saudable, relaxante, amable, para socializar fronte a soidade e mesmo para traballar desde a distancia", reflexionou Menor.