O proxecto do Gran Hotel Balneario recibe 5,5 millóns de euros dentro do Plan de Vilas Termais e Cascos Históricos de Galicia
A Conferencia Sectorial de Turismo deu luz verde esta mañá ao Plan impulsado pola Xunta de Galicia no marco dos Fondos Next Generation
Ademais da Acción de Cohesión en Destino (ACD) "Galicia Destino Termal" -na que se inclúe o apoio á transformación do Pazo Provincial nunha infraestrutura termal-, o Plan engloba o PSTD "Ourense colle velocidade, vilas históricas e termais", estruturado pola Deputación de Ourense a través do Inorde e dotado con 1,5 millóns de euros
Ourense, 9 de maio de 2023.- O Pleno da Conferencia Sectorial de Turismo aprobou esta mañá o Plan territorial de Vilas Termais e Cascos Históricos de Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia ao amparo dos Fondos Next Generation e que engloba dúas iniciativas deseñadas pola Deputación de Ourense: a transformación do Pazo Provincial no Gran Hotel Balneario Auria -que recibirá 5,5 millóns de euros- e o Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) "Ourense colle velocidade: vilas históricas e termais" -dotado con 1,5 millóns de euros-.
O apoio á iniciativa da Deputación que convertirá a súa actual sé nun hotel balneario está incluído na Acción de Cohesión en Destino (ACD) "Galicia Destino Termal", que conta cun importe total de 10.035.000 euros e que, ademais, tamén inclúe unha partida para mellorar as infraestruturas e a oferta termal galega (3,7 millóns) e a mellora da competitividade das empresas de turismo termal (700.000 euros).
Transformación do Pazo Provincial no Gran Hotel Balneario
O proxecto de transformación do Pazo Provincial no Gran Hotel Balneario Auria -deseñado para estar completado en 2027- contempla un establecemento hoteleiro de 5 estrelas, que complete a súa oferta cun uso termal, tanto para o público xeral como para os hóspedes, cubrindo os patios interiores con solucións tecnolóxicas e reversibles para protexer do sol o interior e captar enerxía.
No patio norte situarase unha gran piscina cadrada, de inspiración romana rodeada por un circuíto balneario con bañeiras, saunas, cabinas de chorros e zonas para inhalación e descanso. O patio situado ao sur empregarase como espazo polivalente para acoller unha ampla variedade de eventos. A intervención busca tamén mellorar a eficiencia enerxética, aproveitando por exemplo a calor da captación termal, actuacións encamiñadas a acadar unha certificación de sustentabilidade.
O PSTD "Ourense colle velocidade: vilas históricas e termais"
Pola súa banda, o obxectivo do PSTD "Ourense colle velocidade: vilas históricas e termais" estruturado pola Deputación a través do Inorde e dotado con 1,5 millóns de euros dos Fondos Next Generation é liderar, desde unha visión integral de provincia, a transformación competitiva das vilas termais e cascos históricos. Como vilas termais forman parte da área de intervención do proxecto Arnoia, Boborás, Cenlle, Cortegada, Leiro, O Carballiño, Ribadavia, Bande, Lobios, Muíños, Baños de Molgas, Monterrei, Verín, Punxín e Castrelo de Miño. E, como concello con cascos históricos, Castro Caldelas e Allariz, ademais dos xa mencionados Ribadavia e Boborás -Pazos de Arenteiro-
As actuacións que incluirá este PSTD xiran en torno a catro eixos: transición verde e sostible; eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.