O teatro chega ao Mosteiro de San Pedro de Rocas

Compartir

  • As visitas teatralizadas a este emblemático lugar de Ourense, realizaranse tódolos mércores e sábados, desde o día 6 de agosto ao 17 de setembro, ás 22.00 horas.

Ourense, 1 de agosto de 2016.- O teatro chega ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, e faino a través de visitas teatralizadas a este emblemático lugar da xeografía ourensá, tódolos mércores e domingos, desde o día 6 de agosto ao 17 de setembro, ás 22.00 horas. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde do Concello de Esgos, Mario Rodríguez; e o actor responsable do proxecto, Darío Ángel Rodríguez.

O presidente da Deputación de Ourense explicou que se trata "de que os espectadores teñan unha sensación similar á de aqueles que habitaron e visitaron por primeira vez unha das nosas marabillas monumentais", e engadiu, "o Mosteiro de San Pedro de Rocas é un dos lugares máis visitados da Ribeira Sacra".

A Deputación de Ourense apoia todo o que traballa a prol de "poñer en valor cuestións emblemáticas do noso patrimonio. No plan de xestión estratexia operativa da Deputación "Ourense 15-19", figura a realización dun plan director deste conxunto arquitectónico de San Pedro de Rocas, para que a partir de ese momento, serva para ter en consideración todas as cuestións non só de índole patrimonial, paisaxística ou cultural, senón de calquera tipo de intervención dentro do patrimonio, e todo ese traballo redundará na difusión deste Mosteiro, que é unha visita obrigada en Ourense".

A trama das visitas remóntase ao século XII cando un cabaleiro medieval busca sosego espiritual neste Mosteiro. En soños, a figura dun dos seus lendarios monxes sérvelle de guía para facer un percorrido pola historia dun cenobio singular e os seus moradores. A representación consta de aproximadamente sete escenas, e a clave destas visitas é "a interactuación, para que os espectadores coñezan máis o conxunto, a súa historia, e a cultura galega, cunha duración aproximada de 55 minutos, nas que poderán participar en cada representación un grupo de 25 persoas para que sexa doado interactuar", dixo Darío Ángel Rodríguez.

As visitas comezan na explanada do mosteiro coa recepción aos espectadores, onde se lle fará entrega a cada un deles dunha vela que conservarán durante a primeira parte da función.

O alcalde do Concello de Esgos agradeceu á Deputación de Ourense "a forte aposta que fai pola Ribeira Sacra. Estas visitas son unha iniciativa moi especial porque lle dá vida de maneira teatralizada ao Mosteiro e resultará moi entretido".

Tal e como explicou Darío Ángel Rodríguez, a música ocupará un papel importante durante as visitas, con melodías medievais interpretadas e cantadas en vivo, empregando instrumentos coma a zanfona e a gaita.

Todos os interesados en asistir a estas visitas, poderán facelo de forma gratuíta inscribíndose previamente no número de teléfono do Concello de Esgos (988-290-000), ou no número de teléfono do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" (988-317-895).