O Teatro Principal acolle a estrea nacional da coproducción galego-portuguesa “O grande incendio”, posta en escea por Sarabela e A Escola da Noite

Compartir

Esta obra, do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfenning e dirixida por Ánxeles Cuña, representarase os días 18, 19 e 20 de xuño ás 21 horas

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, destacou esta coproducción como “un exemplo máis da importancia da cooperación, tanto institucional como de pobos irmáns” e lembrou que “a Deputación segue nesta liña, de seguir apostando por garantir á cidadanía un dereito fundamental como é o acceso á Cultura de calidade”

Ourense, 17 de xuño de 2025.

O Teatro Principal albergará os vindeiros días 18, 19 e 20 de xuño da estrea nacional de “O grande incendio”, escrita polo multipremiado dramaturgo alemán Roland Schimmelpfenning e coproducida por Sarabela Teatro e a compañía de Coímbra A Escola da Noite.

Na presentación desta obra participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora da obra, Ánxeles Cuña; o productor da mesma, Eduardo Pinto; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

Precisamente, César Fernández destacou esta coproducción como “un exemplo máis da importancia da cooperación, tanto institucional como de pobos irmáns” e lembrou que “a Deputación segue nesta liña, de seguir apostando por garantir á cidadanía un dereito fundamental como é o acceso á Cultura de calidade”. Na mesma liña expresouse o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen puxo en valor “a cooperación institucional da Deputación e a Xunta, poñendo á Cultura no centro, para o que estamos totalmente alineados”. 

No tocante á obra, a súa directora, Ánxeles Cuña, explicou que a súa importancia radica en que “abre a escea a outra forma de sentir”, e valorou que esta coprodución galego-portuguesa “conta con moitos vínculos, respecto mutuo e compromiso compartido”, lembrando que Sarabela Teatro e A Escola da Noite son dúas compañías “que atoparon un xeito de establecer pontes, como os que definen a Ourense”.