O Valedor do Pobo apoia a proposta de Baltar para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade
- Amosou a plena disposición da institución para colaborar activamente no proxecto da candidatura.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse co Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández, na sede desta institución, en Santiago, para recabar o seu apoio á proposta de candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. José Julio Fernández amosou "a plena disposición da institución" para colaborar activamente no proxecto da candidatura, unha iniciativa que Manuel Baltar presentou e que foi referendada xa por concellos, pola Deputación de Lugo, a Xunta e o Parlamento de Galicia, así como polo Congreso e o Senado.
Manuel Baltar e José Julio Fernández analizaron os contactos e adhesións que xa se teñen acadado para a candidatura, así como o traballo que está a coordinar o Valedor e que realiza un grupo de expertos de diversas ramas con achegas científicas e estudos técnicos para contribuír á posta en valor da Ribeira Sacra e ao desenvolvemento da candidatura.
A Deputación de Ourense está a impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para que sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola singularidade e excepcionalidade turística e paisaxística deste espazo xeográfico entre as provincias de Ourense e Lugo, que son, en opinión de Manuel Baltar, "os principais valores que ten este xeodestino que merece ser recoñecido con tan singular distinción".
"Todo serán vantaxes nesta candidatura", afirma Manuel Baltar, engadindo que a Deputación de Ourense "ponse a disposición das administracións Autonómica e Central e dos concellos de Ourense e Lugo para que a cooperación e a colaboración entre todos faga posible que academos a formalización da candidatura e que a Unesco lle dea á Ribeira Sacra esa distinción de especial protección, algo que, sen dúbida, servirá de reactivación e dinamización económica para esta contorna e para as provincias de Ourense e Lugo".