O vicepresidente segundo da Deputación participa na inauguración do 6º Congreso Internacional de Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación
Ourense, 16 de novembro de 2023.- O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, participou hoxe no Edificio de Ferro do Campus de Ourense, na inauguración do 6º Congreso Internacional de Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial.
O simposio, que se celebrará desde hoxe ata o 18 de novembro en Ourense e en Vilarelho (Chaves), analizará baixo o lema "Ponte entre escola e sociedade", os efectos da aprobación da Convención da UNESCO do PCI despois de dúas décadas en funcionamento, así como o papel que exerce a educación superior na identificación, valoración, interpretación e dinamización do Patrimonio Cultural Internacional.
Este congreso dará continuidade aos xa realizados en anos anteriores nos que se abordaron temáticas como o patrimonio no s. XXI, o Ciclo do Entroido como modelo de práctica social, Ourense no Camiño de Santiago, e o Afiador e outras técnicas artesanais de comunidades rurais, entre outras cuestións.