O vicepresidente segundo da Deputación participa nun congreso internacional que pretende relanzar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO

Compartir

Nogueira de Ramuín, 6 de novembro de 2023.- O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, participou hoxe, no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, ao Encontro Internacional "Paisaxes da auga: unindo o pasado co futuro", organizado pola Xunta de Galicia co obxectivo de relanzar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO.

Este encontro reunirá durante tres días a unha trintena de expertos internacionais en paisaxes culturais para impulsar o recoñecemento do valor e a importancia deste territorio das provincias de Lugo e Ourense. Abordarase de xeito conxunto os desafíos relativos á preservación, a investigación, a protección e promoción do patrimonio a través da posta en marcha de novas vías de diálogo entre profesionais de diferentes ámbitos.

A xornada de hoxe está dedicada ás novas visións de paisaxes culturais da auga. Mañá será a quenda para abordar cuestións vencelladas co patrimonio, a tecnoloxía e aos saberes tradicionais. Por último, o mércores 8 de novembro, os asistentes visitarán diferentes lugares da zona: museos, viñedos e adegas.