As obras do mosteiro de Oseira potencian o atractivo cultural e turístico da contorna e avanzan cara ao Xacobeo 2021

Compartir

  • Manuel Baltar visitou xunto ao presidente da Xunta este conxunto monumental, próximo á Ribeira Sacra, territorio candidato a Patrimonio Mundial da Unesco, iniciativa impulsada pola a Deputación de Ourense.

Ourense, 22 de xaneiro de 2018.– O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo o mosteiro de Santa María A Real de Oseira, un conxunto monumental no que se realizaron obras por importe de 800.000 euros co obxectivo de potenciar o atractivo cultural e turístico da comarca e avanzar cara ao Xacobeo 2021.

Manuel Baltar destacou "a singularidade desta xoia do patrimonio histórico-monumental da provincia de Ourense, próximo á Ribeira Sacra, territorio candidato a Patrimonio Mundial da Unesco, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Ourense e na que imos da man da Xunta, do Goberno do Estado e das administración locais para acadar o recoñecemento que, de seu, xa ten unha das contornas máis fermosas do mundo".

O presidente do goberno provincial expresou "o apoio que a Deputación de Ourense da ao mosteiro de Oseira, escenario de importantes actos organizados pola institución provincial, un conxunto monumental que tivo grande protagonismo en séculos pasados e ao cal a historia sitúa no lugar que se merece, tanto pola súa beleza arquitectónica como polo seu valor artístico-patrimonial, e por ser o lugar máis destacado no camiño dos peregrinos a Compostela".

Alberto Núñez Feijóo destacou que as obras no mosteiro de Oseira –que ten a declaración de BIC na categoría de monumento histórico-, "teñen como obxectivo potenciar o atractivo cultural e turístico da comarca e, ao mesmo tempo, forman parte do programa que está a desenvolver a Xunta para actuar en todos os bens de interese cultural que se atopan preto dos camiños de Santiago". Neste sentido, precisou que a actuación abarca a igrexa do mosteiro, a fachada principal exterior do claustro da hospedaría, parte da cuberta, intervencións nos claustros, na sancristía e na sala das Palmeiras, entre outros lugares. A súa biblioteca, datada de 1766 conserva uns fondos bibliográficos de importancia excepcional, cuns 30.000 volumes de ampla temática. "Este proxecto será bo para esta zona, xa que suporá un pulo económico e cultural; e, tamén, para o resto de Galicia, porque supón conservar a nosa cultura", aseverou Núñez Feijoo.