Orzamentos, melloras viarias e de marxes fluviais, temas das comisións informativas

Compartir

Ourense, 16 de outubro de 2019.- As comisións informativas da Deputación de Ourense do mes de outubro celebran hoxe e mañá as súas reunións no Pazo Provincial. A de Facenda e Economía aborda a aprobación inicial do orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizos contra Incendios e de Salvamento para 2020, que ascende a 4.261.000 euros, así como a súa integración no orzamento xeral da Deputación. Asemade, na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural tratarase a expropiación forzosa para a execución da obra "proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira desde a estrada OU-0807", en Vilamartín de Valdeorras, aprobado definitivamente por acordo do 26 de xullo de 2018 do Consello da Xunta.

Pola súa parte, na comisión de Transparencia e Administración Provincial darase conta do auto n.º 146/2019, do 13 de setembro, da Sección Especial de Casación Autonómica do TSXG e informe sobre a execución de sentenza 151/2017, do 2 de outubro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo n.º2 de Ourense.

Mañá xoves, na comisión de Cultura darase conta dun acordo relativo á aprobación da programación anual da Escola de Danza e fixación de prezos públicos para o curso 2019-2020; e tamén da aprobación da fixación dos prezos públicos do Festival de Cine de Ourense (OUFF) 2019. Así mesmo, abordarase o nomeamento do xurado para o XVI Premio "Pura e Dora Vázquez" de Literatura Infantil e Xuvenil, na modalidade de Ilustración, integrado por: José Manuel Fernández (proposto polo grupo Popular), Carlos Rodríguez (proposto polo grupo do PSdeG-PSOE), Mario González (proposto polo grupo de Democracia Ourensana), Isabel Mociño (proposta polo grupo do BNG), e Xan Xosé Rodríguez (proposto polo grupo de Ciudadanos).

Por outra banda, a comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordará a modificación da ordenanza reguladora das taxas do servizo intermunicipal de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e dos puntos limpos da provincia. Na xuntanza tamén se analizará a aprobación da addenda modificativa do convenio asinado entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de Esgos, para o financiamento, execución e entrega para o seu mantemento, das obras do paseo fluvial entre Tarreirigo e Esgos.

Esta comisión informativa abordará tamén a aprobación da segunda addenda modificativa e prórroga do convenio asinado entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de Bande, para o financiamento, execución e entrega para o seu mantemento e conservación, das obras do proxecto de prolongación do acondicionamento das marxes do río Badella ao seu paso polo núcleo de Bande.

Por último, na reunión tratarase tamén a aprobación da modificación do convenio asinado entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello da Veiga para o financiamento, execución e entrega para o seu mantemento, das obras de acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso por Xares, Ponte e Baños, na Veiga.