Os participantes do "Ourense Líder" piden á Deputación que continúe co programa de prácticas laborais en USA

Compartir

 

  • Os cinco universitarios ourensáns, que realizaron as súas prácticas profesionais en Washington, cualificaron de "moi positiva" a experiencia, no encontro que mantiveron hoxe con Manuel Baltar.

Ourense, 23 de decembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial aos cinco universitarios ourensáns que participaron no Programa de bolsas "Ourense Líder", unha iniciativa impulsada pola Deputación provincial en colaboración coa Fundación Advanced Leadership, que permite a realización de prácticas laborais en Estados Unidos a xóvenes titulados universitarios que estean empadroados nalgún concello da provincia de Ourense.

Os bolseiros, que realizaron as súas prácticas profesionais en Washington D.C, cualificaron de "moi positiva" a experiencia, no encontro que mantiveron hoxe con Manuel Baltar, destacando a importancia de adquirir experiencia profesional nun entorno tan competitivo e de grandes posibilidades para as especialidades académicas dos bolseiros. En concreto, os cinco participantes no programa son titulados en arquitectura (2), Dereito (2) e Informática.

Manuel Baltar felicitou aos bolseiros por haber completado con éxito a súa etapa en Estados Unidos e agradeceulles as achegas que lle trasladaron sobre a experiencia laboral durante a estancia de 17 semanas en Washington, entre os meses de agosto e decembro. "O obxectivo do goberno provincial era que os bolseiros adquirisen coñecementos e cualificacións, e puideran desenvolvan competencias persoais e profesionais para aplicalas aos ámbitos laborais da súa formación", explicou Baltar.

Os cinco participantes no programa desenvolveron as súas prácticas dentro da área metropolitana de Washington DC, de luns a xoves, en horario de 9.00 a 17.00 horas. O seu traballo a tempo completo axudoulles a obter experiencia profesional no ámbito académico da súa especialidade. Os bolseiros participaron en proxectos, seminarios, sesións de coaching profesional e prácticas laborais que lles permitiron aplicar os seus coñecementos ao posto de traballo e afondar no funcionamento de organizacións complexas con horizontes globais.

A bolsa cubriulles os custes de desprazamento de ida e volta en avión; prácticas laborais nunha empresa seleccionada segundo o perfil académico e profesional de cada beneficiario; titoría de prácticas laborais durante o tempo de estancia; custes de aloxamento; seguro de enfermidade e accidentes, e xestión do visado necesario para realizar as prácticas nos Estados Unidos.