Os premios á Sección Oficial e a Sergio Moure pechan a edición 26 do Ourense Film Festival
● Nove galardóns entregáronse durante a noite: os correspondentes á Sección Oficial de longametraxes e o Premio Especial OUFF ao compositor Sergio Moure
● A noite rematou coa estrea de Live is life, de Dani de la Torre
Ourense, 1 de outubro de 2021.- O Ourense Film Festival (OUFF) despediu este venres a súa edición número 26 como só os mellores cineastas saben facelo, con elegancia e grandes doses de emoción. A gala de clausura, que de novo tivo lugar no Auditorio Municipal, foi unha celebración da sétima arte e un recoñecemento ao esforzo por sacar adiante películas que son pequenas obras de arte, pero tamén da música e da maxia que converteron a Ourense, un ano máis, nunha cidade de cinema.
A noite comezou na explanada de San Francisco, onde a Real Banda de Gaitas recibiu coa súa música aos invitados que acudían ao Auditorio. Entre as composicións que se puideron escoitar na alfombra azul soou o himno oficial do festival.
Dentro, foi o conxunto galego Rodrigo Romaní Trío o que puxo a banda sonora a unha gala dirixida por Ángel de la Cruz e que presentaron Isabel Blanco e Simone Saibene, que mesmo se atreveron cun número musical para sorpresa do público no patio de butacas. Pouco despois, chegou o momento da emoción: os galardóns.
Noite de premios
A gala de clausura foi tamén a noite de celebración da Sección Oficial do certame. Entregáronse o Premio ao Mellor Guión para Aaron Brookner, Ana Rocha de Sousa, Paula Vaccaro pola película Listen, o Premio á Mellor Interpretación para Sofia Kappel por Pleasure, o Premio Carlos Velo ao Mellor Dirección para Ferit Karahan por Mi mejor amigo, o Premio Especial do Xurado para Pepe Valle por Uzi e, por suposto, a Calpurnia á Mellor Película para o filme belga Playground.
Ademais, a Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales entregou o Premio CIMA á Mellor Cineasta para Laura Walden, a directora de Playground; e Malencolía e Eles transportan a morte recibiron o Premio Xacobeo á mellor produción galega.
Por último, entregouse o Premio do Público a Mediterráneo, a película da Sección Oficial que mellor puntuación media obtivo (4.64 sobre 5) por parte dos espectadores que asistiron ás proxeccións.
Entre os galardóns da noite, tamén houbo oco para unha homenaxe. O compositor coruñés Sergio Moure subiu ao escenario para recoller o Premio Especial OUFF que recoñece a súa gran contribución ao cinema e a televisión con decenas de magníficas bandas sonoras.
Unha gala sobria, protocolaria e solemne á que chegaba, nos seus últimos compases, o discurso de clausura do director do Festival, Miguel Anxo Fernández, que citou a moitos dos protagonistas que ao longo desta edición pasaron por Ourense e que son "todas e todos, amigos do festival e coa súa presenza contribuíron a colocar a Ourense a ao OUFF na marea mediática destes días, colapsada polo tremendo drama que padecen os veciños de La Palma, a quen desde aquí enviamos a nosa solidariedade".
O director do Festival fixo referencia á cita do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que destacou a calidade humana e profesional dos galardoados e, sobre todo, todas as súas mostras de cariño cara Ourense, poñendo en valor, ademais, que o OUFF é "un festival que se consolida como unha fiestra cara o exterior do audiovisual galego "
O broche de ouro á gala de clausura do OUFF chegou da man do monfortino Dani de la Torre e a súa película Live is life. Tanto o director como os rapaces que protagonizan o filme subiron ao escenario para presentar este traballo, que se rodou en parte en Ourense, na contorna da Ribeira Sacra.
OUFF En Curto e Fas Muvis
O Ourense Film Festival pecha mañá domingo as súas entregas de premios con dous dos ciclos máis especiais do certame e que, como tal, merecían unha gala propia: as curtametraxes de OUFF En Curto e as pezas audiovisuais creadas en tempo récord para Fas Muvis.
Ata sete premios entregaranse na sección de OUFF En Curto, todos eles esculturas creadas por Buciños. Xoves de comadres, de Noemí Chantada, foi recoñecido polo xurado como o mellor curto de ficción, e a súa actriz Aurora Maestre levouse o Premio AISGE á Mellor Interpretación Feminina. Ademais, Canibalismo recibiu unha mención especial, ademais do Premio AISGE Mellor Interpretación Masculina para Germán Prenta.
Na categoría de documental, o galardoado foi Mulher como Árvore, de Alejandro Vázquez San Miguel, Carmen Tortosa, Daniela Cajías, Flávio Ferreira e Helder Faria. The Death: O reencontro recibiu unha mención especial.
A curta gañadora do Premio do Público foi Dores, un traballo de Coral Piñeiro.
Nas categoría de Fas Muvis (pezas audiovisuais rodadas en 48 horas), o primeiro prremio foi para III Marías, de Andrea Bouzo. Mitra, de Anita Pico, foi o segundo mellor traballo segundo o xurado, composto pola actriz Lida Veiga, o realizador Oswaldo García e a produtora Beli Martínez. E o outro segundo premio recaeu en Asubío, de Andrea Varela.